O colexio de Seoane do Courel recibe unha bolsa da Fundación Barrié

f.a. monforte / la voz

LEMOS

18 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O colexio público Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel desenvolve un dos oito proxectos escolares que se beneficiarán da primeira edición da convocatoria EducaBarrié, promovida pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. En total, a entidade investirá 42.000 euros en apoiar estes proxectos e a cada centro corresponderalle unha axuda de entre 3.000 e 6.000 euros.

O proxecto, que está compartido co colexio público da localidade ourensá da Gudiña, consiste en realizar unha serie de traballos de investigación nos ámbitos cultural e científico. Os alumnos do Courel farán unha recollida de vocabulario tradicional relacionado coa toponimia e a microtoponimia do seu municipio e realizarán estudos sobre a etimoloxía e a morfoloxía dos nomes de lugar. «Trátase de axudar a que os rapaces amplíen o seu léxico e sexan conscientes da riqueza lingüística destas terras e que se está perdendo, porque moitos topónimos tradicionais cada vez se usan menos», sinala a profesora Rosa Alonso, que coordina a actividade no centro.

Por outro lado, os alumnos levarán tamén a cabo unha investigación etnográfica que comprenderá aspectos como a arquitectura tradicional, os festexos populares e os costumes relacionados co nacemento, os casamentos ou os funerais.

Galicia e Portugal

Así mesmo, o proxecto comprende outra liña de traballo, que consistirá en estudar as relacións históricas dos intelectuais galegos e portugeses e que se centrará na correspondencia mantida entre diversos escritores de Galicia e do país veciño.