Menéndez cre que a petición do Parlamento á Xunta axilizará o proceso de oficialización do Camilo de Inverno
07 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A presidenta da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, cre que a petición que acaba de dirixir o Parlamento de Galicia á Xunta sobre o Camiño de Inverno pode ser un paso decisivo cara ao recoñecemento oficial da ruta.
-¿Que lle parece a iniciativa aprobada polo Parlamento?
-É unha boa noticia, porque por fin se ve unha saída para esta cuestión despois de tanto tempo de espera. Queremos agradecer o apoio de todos os grupos políticos que votaron pola súa aprobación, pero tamén temos que dicir que non teríamos chegado a este punto sen o labor continuado das asociacións que promoven o recoñecemento da ruta. A nosa leva xa quince anos loitando por iso sen cesar. Pero en fin, vale máis tarde que nunca.
-Non é primeira vez que se formula unha petición deste tipo.
-Non, no 2010 xa se aprobara unha iniciativa parecida, pero daquela non se fixara ningún prazo concreto. É especialmente importante que desta vez se establecese un prazo de seis meses para a oficialización do Camiño de Inverno como ruta xacobea.
Temos que confiar en que esta vez será a definitiva.
-¿Como pode contribuír a súa asociación a este proceso?
-Nós ofreceremos todo o asesoramento que faga falta. No 2009 xa tivemos un encontro co entón director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, e facilitamos á Xunta toda a documentación histórica que temos sobre esta ruta. Pero tamén estamos dispostos a colaborar para delimitar o trazado do camiño e para todo o que sexa preciso.
-¿Botou en falta un maior apoio por parte das institucións públicas para conseguir este recoñecemento?
-Tivemos axudas importantes desde diversas instancias e en certos momentos, pero noutras ocasións notamos unha actitude tépeda e case indiferente, por exemplo, por parte dalgúns concellos polos que pasa a ruta. Pero o que importa é que xa se marcou un prazo concreto para levar a cabo este proceso e isto é algo do que debemos estar todos satisfeitos, e os primeiros que deben estalo son precisamente os concellos da zona. O recoñecemento supón que o camiño será promovido xunto con todas as demais rutas xacobeas e iso terá unha repercusión moi importante e axudará a potenciar o turismo en toda a zona.
aida menéndez presidenta de camiños a santiago pola ribeira sacra