«Tempo», imaxes dun ano enteiro na vida da Serra do Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

MANUEL VALCÁRCEL

O realizador Manuel Valcárcel filma un singular documental

08 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado 23 de novembro veu ao mundo Clara, o primeiro bebé nado en Froxán do Courel en 28 anos. Por eses días comezou a filmación de Tempo, un documental do fotógrafo e realizador audiovisual monfortino Manuel Valcárcel que seguirá rodándose durante os próximos meses. O primeiro ano de vida da nena será o fío condutor do filme, que pretende recoller todo o que vaia acontecendo no seu entorno inmediato.

O proceso de produción do filme, segundo as previsións do seu principal responsable, pode estar terminado para o verán do 2014. Mais unha parte do traballado realizado ata agora xa pode verse en Internet, na páxina web www.tempodocumental.com, que está operativa desde onte. O que se ofrece neste sitio é un teaser ou anticipo onde se condensan as imaxes gravadas durante o primeiro trimestre de traballo. Nos próximos meses iranse publicado outros resumos a medida que o proxecto vaia avanzando.

Segundo explica o realizador, o eixo argumental do filme é o contraste entre a vida e a morte: «Por un lado está a pequena, que representa a vida que comenza e que é como un símbolo de esperanza e de futuro, e por outro lado está a parte da morte, ou sexa, o envellecemento e a despoboación do mundo rural e a degradación ambiental que sufre este territorio». E como testemuña de todos estes procesos está o mundo natural da Serra do Courel, que ocupará un importante espazo na historia.

Conversas cotiás

Valcárcel apunta por outro lado que o documental non conterá explicacións nin entrevistas, porque pretende que as imaxes falen por si mesmas. «Non quixen facer unha denuncia directa dos problemas do mundo rural, senón mostrar a xente tal como é na súa vida cotiá e o mundo no que vive, sen engadir ningún comentario pola nosa parte», sinala. «Haberá conversas, pero serán as que manteñen os veciños entre eles, as que se poden escoitar un día calquera», engade.

O director do filme espera por outro lado que Tempo resulte comprensible para espectadores de calquera país e calquera entorno cultural, «porque o que se vai ver son cousas que suceden en todo o mundo, aínda que a paisaxe e algúns detalles sexan diferentes».

Tal como está concebido o proxecto, o proceso de filmación dependerá moito do que vaia sucedendo nos próximos meses neste territorio, porque os autores queren deixar constancia de todo o que condicione a vida diaria dos seus habitantes. «Xa temos previsto rodar certa cousas, pero outras son totalmente fortuítas e non dependen de nós, como as nevadas, que este inverno foron moi intensas na serra», di Valcarce. Ou como o temporal Gong, que o pasado xaneiro causou un desprendemento de terras e cortou durante case 24 horas a principal estrada do Courel, un episodio que tamén aparecerá no filme.