Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Se queren que haxa osos, terán que dar algo en compensación»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

OSCAR CELA

Os críticos do proxecto de conservación din que prexudicará aos veciños

04 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os promotores da recollida de sinaturas contra a inclusión do municipio de Folgoso do Courel no plan de conservación do oso pardo puntualizan que non se opoñen por principio ao proxecto, senón que rexeitan que na zona se impoñan novas restricións legais «a cambio de nada». Así o di José López Páez, presidente do couto de caza Courel Alto e unha das persoas que realizaron a recollida.

-¿Que problemas lle ven ao plan de conservación do oso?

-Non estamos en contra do oso nin de ningún animal. Eu non dou crédito a esas historias de que hai osos paseándose pola serra, pero ese non é o problema máis grave. O problema é que con este plan os terreos quedan sometidos a unhas normas e unhas restricións sen que haxa compensación ningunha. Se tes unha propiedade e che limitan o seu uso sen que che compensen dalgunha forma, xa estás prexudicado. Non é de recibo que che digan, por exemplo, que non podes cortar unha árbore ou mover un tractor por tal sitio porque hai un oso aposentado nas cercanías, e que non se ofreza nada a cambio desas prohibicións. Se nos dixesen que nos compensan dalgunha maneira... pero non nos ofrecen nada a cambio. Se queren que haxa osos, terán que dar algo en compensación.

-¿Os veciños foron suficientemente informados sobre as consecuencias deste plan?

-Non, para nada. Xa fixeran igual cando se implantou a Rede Natura. Non informaron a ninguén, deixaron que pasase o período de alegacións sen que ninguén rechistase e implantaron unha serie de restricións sen darnos nada a cambio. Con este plan fixeron o mesmo, implantalo ás agachadas e sen ter en conta a opinión dos veciños. Por iso fixemos esta recollida de firmas, para que iso non se repetise. Agora andan por aí recollendo firmas a favor do plan do oso, pero primeiro deberían preguntar aos nativos do lugar o que opinan. Eu recollín catrocentas firmas entre os veciños para apoiar a nosa petición e só encontrei a un que non quixo firmar.

-¿O plan prexudica de forma especial aos cazadores?

-Eu son cazador, pero se un día non poido facer aquí unha batida a causa do oso, non me preocupa. Poido ir cazar a outro sitio e xa está. Os máis prexudicados penso que son os agricultores e gandeiros. É certo que aquí xa queda pouca xente, pero na zona norte do Courel aínda hai algunha actividade gandeira. Mentres aquí quede algunha xente, hai que respectar os seus dereitos.

-¿Se se crease un parque natural na zona, non sería máis fácil obter compensacións?

-Se ofrecen algún beneficio a cambio, aínda que sexa pouca cousa, penso que non habería que cerrarse a nada. Hai que colaborar con todo o que supoña algunha mellora para a xente que queda aquí. Pero que non sexa só recortar sen que teñamos ningún beneficio.

josé lópez páez presidente do couto de caza courel alto