Reigosa coordina a segunda edición de «A Voz dos Lemavos», que se ofrecerá o sábado no pazo monfortino de Tor
21 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O escritor lucense Antonio Reigosa coordina a revista oral A Voz dos Lemavos, que terá unha segunda edición este sábado -ás 18 horas- no pazo monfortino de Tor. O programa consiste nunha serie de breves conferencias intercaladas con actuacións musicais e segue a mesma liña da da revista oral O Pazo das Musas, que se organiza no Museo Provincial de Lugo desde o 2004. O pazo de Tor xa acolleu outra experiencia deste tipo no 2012.
-¿Como surxiu este proxecto das chamadas revistas orais?
-Modestamente, foi unha idea miña, que lle propuxen no seu día á xerencia da Rede Museística Provincial. O que buscan estas actividades é crear novos públicos para a cultura, ofrecer unha información básica sobre determinados asuntos para despertar a curiosidade e animar á xente a acercarse aos museos, utilizando para iso un formato lixeiro e atractivo. As conferencias que se ofrecen son moi curtas, de só dez minutos de duración, e están acompañadas de actuacións musicais, non só para amenizar os contidos, senón tamén porque a música é un elemento fundamental da nosa cultura.
-A que se ofrece en Lugo xa ten unha traxectoria importante.
-Si, O Pazo das Musas xa leva case dez anos funcionando e conseguiu crear ao seu redor un público específico, que asiste regularmente a todas as edicións. A nosa intención é que todos os museos da rede provincial conten cunha actividade deste tipo ao menos unha vez por ano. Oxalá puidésemos organizar algunhas máis ao longo do ano, pero iso depende de varios factores, entre eles a resposta que teñan por parte do público. A primeira edición de A Voz dos Lemavos no pazo de Tor tivo unha boa acollida e esperamos que esta tamén a teña.
-¿Como se planifican os contidos destas actividades?
-Sempre teñen relación co mundo da cultura, da historia, do patrimonio... Normalmente cada edición aborda diferentes asuntos, sempre en pequenas doses, e algunhas veces son monográficas. É o caso da que se ofrecerá este sábado en Monforte, que xira en torno ao mundo do viño, algo que sen dúbida ten moita importancia na cultura e na economía do sur da provincia. O programa penso que é bastante atractivo. Por un lado falarán varios expertos que son amplamente coñecidos na zona e por outro haberá tamén actuacións dun grupo musical lucense, Tundal. É unha formación que por agora talvez non teña moita fama neste territorio, pero creo que vai gustar e sorprender. O viño tamén ten protagonismo no seu repertorio. No programa non só hai charlas e música, porque se ofrecerá ademais unha demostración de elaboración de cestos tradicionais de vendima a cargo dun cesteiro de Chantada.
-¿Non hai outra forma de acceder a estas revistas orais que non sexa asistindo persoalmente a elas?
-Todas as edicións que se organizaron en Lugo foron gravadas en vídeo e por agora ese material está arquivado. Nalgún momento haberá que decidir o que se fai con esas gravacións, porque estaría ben difundilas en Internet e poñelas ao alcance de todo o mundo. Antes haberá que editalas convenientemente e darlles unha forma atractiva, porque de momento son gravacións en bruto, que non foron montadas nin retocadas de ningunha maneira. Nestes dez anos ofrecéronse conferencias e intervencións de moito interese que sería importante recuperar e divulgar e algunhas teñen un especial valor histórico porque correron a cargo de personalidades culturais que xa faleceron. Agora ben, dámoslle moita importancia ao feito de que estas actividades se ofrezan en vivo e que os espectadores poidan intervir tamén dalgunha maneira, mantendo pequenas conversas cos relatores.