
Un disco recollerá os temas máis típicos do antigo grupo musical do Courel
04 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Á unha e media da tarde de mañá será inaugurado en Paderne un monumento á orquestra popular Os Padernes, a máis importante que tivo a Serra do Courel ao longo do século XX. Na próxima edición do Filandón de Músicas do Courel, que se celebrará o 3 de agosto na ferrería de Seoane, haberá unha homenaxe moi diferente a esta veterana formación. Consistirá na presentación dun libro-disco que recolle os temas máis representativos do repertorio dos Padernes, preparado por Xosé Lois Foxo -director da real Banda de Gaitas de Ourense- e editado polo selo discográfico vigués Inquedanzas Sonoras. É a primeira vez que se publica un disco formado exclusivamente por temas deste grupo.
As melodías foron gravadas por Foxo durante unha festa celebrada en 1974 na localidade de Visuña, na que a orquestra estivo a tocar durante moitas horas. «Comezaron máis ou menos ás cinco da tarde e pararon sobre as dez da noite -explica-, e sobre as doce e media da noite iniciaron outra sesión que durou polo menos as tres da madrugada». Estas prolongadas actuacións, segundo comenta Foxo, eran habituais nas orquestras populares que animaban as festas do Courel e doutras zonas. «Nesa época era bastante normal estar tocando durante horas e horas e esa festa de Visuña non foi unha excepción», engade.
Naquela festa, Os Padernes interpretaron un grande número de temas do repertorio que as diferentes formacións da orquestra foron acumulando durante a súa dilatada historia. Para o disco, Foxo seleccionou dezasete melodías que considera como as máis típicas. «Escollín algúns dos temas máis populares que tocaban e outros que son particularmente representativos por ser composicións propias dos seus músicos», explica.
Inauguración do monumento
O monolito que será descuberto mañá en Paderne foi labrado recentemente polo escultor coruñés Francisco Escudero e incluirá unha placa cos nomes dunha trintena de músicos que formaron parte da orquestra nas súas diferentes épocas. O único que segue vivo na actualidade é Evaristo López Pereira, veciño de Paredes de Lóuzara. Os organizadores da homenaxe esperan que poida estar presente no acto de inauguración.
O monumento foi custeado por Xosé Lois Foxo coa colaboración do Concello do Courel, a canteira de Santa Eufemia -que proporcionou o bloque de lousa con que foi feito- e os establecementos de turismo rural de Paderne.