Xurxo Ayán analiza a lenda que se formou en torno ao célebre personaxe
21 oct 2015 . Actualizado a las 13:05 h.A realidade histórica que hai por detrás do célebre personaxe de María Castaña está moi lonxe da popular imaxe que presenta a esta muller -oriunda da parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón- encabezando unha revolta popular contra o bispo de Lugo no século XIV. Isto é o que sostén o arqueólogo Xurxo Ayán, natural do mesmo municipio, no seu traballo A construción ideolóxica da figura de María Castaña, que levou o primeiro premio do segundo certame Mulleres de Lemos, convocado polo colectivo Lemos Le e o centro de información á muller de Monforte.
Segundo Ayán, a María Castaña histórica protagonizou só un feito aillado -o asasinato dun arrecadador de impostos- que sucedeu na súa localidade natal, onde vivía. O único documento histórico xenuíno que se coñece sobre o personaxe está datado en xuño de 1386 e consérvase no arquivo da catedral lucense. De acordo con este testemuño, María Castaña, o seu marido Gonzalo Cego e os seus fillos Gonçalvo e Alonso responsabilizáronse do homicidio dun mordomo episcopal que se encargaba de arrecadar tributos en Cereixa.
Xurisdicción bispal
O documento indica claramente que o suceso tivo lugar nesta parroquia, que á diferenza das veciñas era entón un couto sometido ao señorío dos bispos de Lugo, aos que os veciños debían pagar diversos impostos. En compensación, a familia -todo indica que eran campesiños acomodados- viuse obrigada a pagar unha multa de mil maravedís e a doar á Igrexa todos os bens inmobles que posuía no couto.
Os datos históricos comprobados, apunta Ayán, non mostran que haxa ningunha relación entre este suceso ocorrido en Cereixa e as revoltas contra o señorío episcopal que houbo en Lugo nese período histórico. Se María Castaña chegou a ser considerada moito máis tarde como unha heroína e un símbolo da resistencia popular contra a opresión feudal -engade o arqueólogo-, iso debeuse a algúns escritores románticos e rexionalistas do século XIX que sen preocuparse polo rigor histórico, converteron ao personaxe nun mito que perdurou ata hoxe.
Unha «auténtica película» creada no século XIX
O traballo de Xurxo Ayán sinala que a primeira referencia publicada sobre María Castaña que se coñece está no volume 41 da monumental obra España Sagrada, impreso en 1798. O seu autor, o sacerdote e historiador Manuel Risco, menciona o documento do arquivo da catedral lucense sen reproducir o orixinal. O referido documento foi publicado íntegro por primeira vez en 1897 por Antonio López Peláez no seu estudo El señorío temporal de los obispos de Lugo. Unha transcrición máis recente pode verse na obra Documentos da catedral de Lugo. Século XIV, publicada no 2007 pola historiadora María José Portela Silva. No texto orixinal, -en galego medieval- a familia admite a pena imposta «por emenda et corregemento de mal injuria et herro que fezemos enno dito couto de çereyxa».
O primeiro responsable da creación do mito da heroína popular é o escritor vigués Teodosio Vesteiro, quen falou de María Castaña na súa obra Galería de gallegos ilustres, publicada en 1874, e no xornal El Heraldo Gallego. Baseándose no resumo publicado por Manuel Risco -di Ayán-, Vesteiro converteu o asasinato do mordomo episcopal «nunha auténtica película». No seu relato, o escenario do homicidio trasladouse de Cereixa ao pazo bispal de Lugo o que o fora só unha agresión illada pasou a formar parte dunha revolta popular urbana. María Castaña converteuse así na «cabecilla da loita da cidade contra o bispo».
Outros autores
A fantasiosa reinvención da historia elaborada por Vesteiro foi despois repetida por outros autores que non se preocuparon por consultar as fontes orixinais. O personaxe mitificado protagoniza a obra teatral Mari-Castaña: unha revolta popular, de Emilio Álvarez Giménez, escrita en 1884. A peza, que termina co berro «¡Viva Galicia!», non se publicou ata un século máis tarde e polo tanto a súa influencia foi nula pero, segundo Ayán, é unha proba «do espallado que daquela xa estaba o mito de María Castaña na ideoloxía rexionalista do último terzo do século XIX».
Ayán apunta tamén que quen asentou definitivamente en Lugo o mito de María Castaña foi o lucense Aureliano Pereira, director do referido xornal El Heraldo Gallego. Seguindo a liña dos anteriores autores, este autor de ideoloxía liberal e anticlerical exaltou o personaxe no seu libro Romancero de la ciudad de Lugo, publicado en 1892.
Unha figura que a tradición popular seguiu lembrando ata os tempos modernos
Aínda que o personaxe histórico real de María Castaña pouco ten que ver coa heroína romántica creada polos escritores do século XIX, o estudo de Xurxo Ayán sinala que o suceso no que tomou parte deixou unha fonda pegada en Cereixa, onde se conservou na memoria popular ata a actualidade. O arqueólogo sinala que os veciños da parroquia -entre eles os membros da súa propia familia- sempre souberon que o célebre personaxe procedía da localidade, aínda que hai versións diferentes acerca do seu lugar de nacemento.
Para algúns, María Castaña nacera na aldea de Alende, máis concretamente nunha casa chamada do Lagareto, da que só quedan ruínas. Segundo outras opinións -agrega Ayán-, «criárase no Barrio Falcón, no solar que ocupou durante séculos a casa grande dos Camba, liñaxe rica de certo». Este edificio tiña na entrada un grande arco de pedra que aínda se conserva hoxe. O investigador opina que a «cartografía parroquial» relacionada co mítico personaxe «obedece a unha tradición lendaria que posúe a súa lóxica interna», xa que se refire a lugares que os veciños consideran como os máis antigos da zona.
Representacións modernas
Por outro lado, Ayán dedica unha parte do seu estudo a analizar a pegadas do personaxe de María Castaña na época actual. Ao seu xuízo, a figura mítica de «heroína popular anticlerical» foi elaborada en primeiro lugar polo «federalismo republicano e o rexionalismo máis avanzado» e depois pasou ao nacionalismo de preguerra, pero sen ser asumida polo sector tradicionalista católico do Partido Galeguista. O personaxe volveu cobrar vida coa transición democrática e os inicios da autonomía. O autor do traballo menciona como exemplos a publicación en 1984 polo Centro Dramático Galego da peza de Emilio Álvarez, a recente aparición doutra obra teatral escrita polo lucense Manuel Ayán e representada con frecuencia e o feito de que actualmente haxa dúas asociacións culturais -unha en Cereixa e outra en Lugo- que levan o o nome de María Castaña.
Hoxe en día -conclúe Ayán- se María Castaña «segue sendo unha figura multidimensional e consolidouse como un referente identitario é porque segue sendo un mito útil no presente». Un mito de rebeldía que na súa opinión cobra novos sentidos no contexto da actual crise económica.
Os premios Mulleres de Lemos serán entregados o sábado na Pobra do Brollón
A asociación Lemos Le entregará os premios Mulleres de Lemos nunha cea que se celebrará o sábado -ás 21.30 horas- no restaurante As Viñas da Pobra do Brollón. Ademais do traballo de Xurxó Ayán, que foi galardoado na categoría de divulgación, tamén hai un premio e un accésit de banda deseñada que recaeron respectivamente en Sara Rodríguez Barrientos e Víctor Rodríguez Fernández, alumnos do instituto monfortino Daviña Rey.
O programa de actos da xornada tamén comprendía inicialmente un percorrido guiado por Xurxo Ayán por varios lugares da parroquia de Cereixa relacionados pola tradición popular coa figura de María Castaña. Esta actividade foi cancelada, xa que o arqueólogo sufriu recentemente un accidente que o obrigará a estar de baixa durante unha temporada. Ayán, por outro lado, xa dirixiu un percorrido deste tipo o pasado mes de maio, neste caso con alumnos do colexio público da Pobra do Brollón.