Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Microrreservas para conservar as orquídeas silvestres

LEMOS

ROI FERNANDEZ

A serra conta desde agora con catro áreas de protección da flora autóctona

23 oct 2015 . Actualizado a las 23:04 h.

Na Serra do Courel xa existen catro pequenas zonas protexidas que teñen por finalidade favorecer a conservación de varias especies de orquídeas silvestres características da zona. Estas microrreservas de flora -así é como se denominan, aínda que en Galicia esta figura de protección non conta por agora con amparo legal- foron creadas dentro dun proxecto promovido pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (ACGT) e financiado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. En conxunto, estes espazos ocupan unha superficie de menos de cinco hectáreas.

Segundo explica Martiño Cabana, representante da ACGT, a creación destas áreas protexidas foi posible grazas a uns acordos establecidos coas comunidades de montes das parroquias de Moreda e Visuña e cos propietarios dunha finca particular. O que se pretende conservar son varios prados situados en terreos calizos nos que crecen diversas variedades de orquídeas que non se poden encontrar na maior parte do territorio galego, onde predominan os solos ácidos.

Limpar a maleza

As actuacións de protección consistirán basicamente en limpar a maleza que invade os referidos prados, que na actualidade xa non se utilizan como pastadoiros. «Antes o gando comía os toxos e outros arbustos -sinala Cabana-, pero coa perda de poboación e o retroceso da gandería estes terreos comezaron a ser colonizados polas matogueiras, o que é negativo para a conservación das plantas propias dos prados calizos, como as orquídeas». As tarefas de limpeza levaranse a cabo de forma regular, ben coa axuda de voluntarios ou con apoio financeiro da Xunta.

Os acordos establecidos cos propietarios dos terreos terán en principio unha duración de quince anos. A delimitación dos espazos considerados de maior interese para a conservación destas especies vexetais foi realizada por investigadores da Universidade de Santiago. Coa creación das microrreservas, a asociación culmina un proceso que se iniciou hai arredor de tres anos. O proxecto será presentado publicamente nunhas xornadas divulgativas que se celebrarán no Courel esta fin de semana.

Un proxecto que abranxe varios territorios galegos

A Serra do Courel é un dos catro territorios onde a Asociación Galega de Custodia do Territorio está desenvolvendo actualmente proxectos de creación de microrreservas para conservar especies vexetais raras ou ameazadas. Segundo explica Martiño Cabana, o que está máis avanzado lévase a cabo no municipio coruñés de Melide. Neste caso trátase de protexer varias plantas endémicas da zona -tres delas en perigo de extinción- que crecen unicamente en terreos onde dominan as rochas do grupo das serpentinas. Os solos que producen estes minerais conteñen unha alta concentración natural de metais pesados e resultan tóxicos para a maioría das plantas, salvo para algunhas especies moi adaptadas a este medio.

Por outro lado, a AGCT proxecta crear unha microrreserva nunha canteira abandonada da comarca da Terra Chá onde medra unha planta acuática da familia dos nenúfares que destaca por ser extremadamente rara. Ademais deste enclave, en toda a Península Ibérica só está presente no parque natural andaluz de Doñana. Outro territorio galego onde está previsto desenvolver iniciativas deste tipo é a Costa da Morte. Neste caso preténdese establecer unha rede de 27 microrreservas en zonas onde crecen diversas especies de singular valor ambiental

Recoñecemento oficial

Os responsables da AGCT esperan que as microrreservas de flora obteñan o recoñecemento legal como figura de protección na nova lei de conservación da natureza que está preparando actualmente a Xunta. Noutras comunidades autónomas -sinalan a este respecto-, estes espazos xa contan dese hai tempo con respaldo legal. O caso máis destacado neste terreo é o da Comunidade Valenciana, onde existen actualmente máis de trescentos espazos desta clase.

Desde a asociación galega precisan por outra parte que as microrreservas de flora teñen un carácter moi diferente doutras figuras legais de protección, como os parques naturais ou os lugares de interese comunitario da Rede Natura. «As microrreservas son unha figura de xestión e non teñen praticamente ningún cariz restritivo», apunta Cabana. «Poden estar tanto dentro como fóra dos parques naturais e doutras áreas protexidas», agrega.

Conferencias para o sábado e ruta guiada para o domingo

O colexio público Poeta Uxío Novoneyra, situado en Seoane, acollerá mañá unha xornada divulgativa sobre as microrreservas naturais organizada pola AGCT. En primeiro lugar, ás 16.30 horas, Martiño Cabana ofrecerá unha conferencia introdutoria sobre estas áreas protexidas. Seguidamente, Carlos Cortizo -membro da mesma asociación- falará sobre o caso concreto das microrreservas de orquídeas do Courel. A terceira intervención correrá a cargo de Roi Carballal e Miguel Serrano, profesores de botánica da USC, que abordarán a importancia destas iniciativas para conservar a flora ameazada en zonas de forte influencia humana. Por último, o biólogo Roberto Hermida disertará sobre as microrreservas destinadas á conservación da fauna, especialmente dos morcegos.

Para o domingo está previsto un percorrido guiado polas microrreservas de orquídeas da zona. Esta actividade comezará en Seoane ás once de mañá. Os interesados en participar poden apuntarse escribindo ao correo electrónico custodiadoterritorio@gmail.com ou chamando ao números de teléfono 630 948 293 e 620 593 892.