En memoria de Lola de Penelas, oleira de Gundivós

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

No disponible

O colectivo Lemos Le convocou un certame de divulgación histórica en torno á figura dunha lendaria artesá 

04 mar 2016 . Actualizado a las 22:32 h.

A figura dunha célebre oleira de Gundivós coñecida como Lola de Penelas centrará a terceira edición do certame de divulgación Mulleres de Lemos, convocado polo colectivo Lemos Le con motivo do Día da Muller Traballadora. A iniciativa ten por finalidade recuperar e difundir a historia dunha personalidade estreitamente vinculada a unha das tradicións artesanais máis características da comarca de Lemos e de toda a Ribeira Sacra.

Lola de Penelas foi o sobrenome con que se coñecía popularmente á artesá María Dolores López López, que naceu en 1886 na aldea de Penelas -pertencente á parroquia de Gundivós- e faleceu en 1969. En Sober aínda quedan numerosas persoas que chegaron a coñecela, pero hai pouca información publicada sobre ela. O médico e etnográfo Luciano García Alén, especializado no estudo e na divulgación da olería popular galega, mencionouna nalgúns dos seus traballos, como o libro A olería tradicional de Gundivós, editado no 2002. As investigacións realizadas por García Alén serviron de base para a elaboración dunha figura de cerámica denominada Lola de Penelas que a empresa Sargadelos fabricou no 2001 como homenaxe ás oleiras galegas.

A figura foi deseñada por Xosé Vizoso e, segundo unha inscrición que ten impresa no reverso, representa a Lola de Penelas como «unha lenda da terra de Gundivós, no colo un fillo de peito e outro agarrado ás saias». Esta representación débese a que -segundo García Alén-, os veciños de Sober recordaban á artesá percorrendo frecuentemente as vivendas da zona acompañada dos seus fillos para ofrecerse a arranxar os cacharros deteriorados.

Viúva con oito fillos

O etnógrafo contou tamén que Lola de Penelas quedou viúva sendo nova e con oito fillos ao seu cargo. Ademais de arranxar vasillas, tamén fabricou moitas no obradoiro que tiña na súa localidade natal, onde aprenderon o oficio outros oleiros máis novos. Ningún dos fillos vive na actualidade, pero hai varios netos da artesá que residen hoxe fóra de Galicia. García Alén considerouna como unha figura moi representativa da tradición oleira de Gundivós e doutras partes de Galicia, xa que na súa opinión este oficio foi desempeñado durante séculos principalmente por mulleres.

O colectivo que convoca o certame -dedicado nas anteriores edicións ás figuras de Inés de Castro e María Castaña- está formado polas bibliotecas municipales de Sober, A Pobra do Brollón, Bóveda e O Saviñao e as bibliotecas escolares e os equipos de normalización lingüística de varios colexios e institutos da comarca. Os organizadores do concurso sinalan que un dos seus obxectivos é estimular aos participantes para que recollan toda a información posible sobre Lola de Penelas entre os veciños da zona que a coñeceron ou que oíron falar dela, continuando e profundizando o traballo que realizou García Alén no seu día. Un dos apartados do concurso -dirixido a persoas de 18 anos en diante- é para traballos escritos que poden tomar a forma de calquera xénero literario, como o ensaio histórico ou etnográfico, a novela ou mesmo o teatro. Outra categoría do certame, reservada para participantes de 12 a 18 anos, é para traballos en formato de cómic. Tanto uns como outros deben estar redactados en galego.

Os traballos literarios deben ter unha extensión mínima de dez páxinas e máxima de 25, e teñen que presentarse en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e con tamaño de letra 12. En canto aos cómics, deben ter dúas páxinas como mínimo e catro como máximo e teñen que estar feito en branco e negro. Poden presentarse ata o 30 de maio. Os premios entregaranse o 24 de outubro, Día das Bibliotecas, e consistirán nun lote de libros, un lote de produtos da Ribeira Sacra e unha peza de artesanía local.

unha ofrenda floral no 2001

No cemiterio de parroquia de Gundivós -á dereita- celebrouse no 2001 unha ofrenda floral na sepultura de Lola de Penelas coincidindo coa presentación da figura que lle dedicou Sargadelos. A xornada foi unha homenaxe non só a esta oleira, senón a toda a tradición artesanal de Gundivós. A peza de cerámica, da que se fabricaron mil exemplares numerados, foi presentada ademais en xaneiro do mesmo ano no Museo do Pobo Galego, en Santiago