Arxeriz, un reduto das tradicións dos ríos da Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARMELA QUEIJEIRO

O ecomuseo do Saviñao é o único socio da zona que hai na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

17 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde a desaparición hai varios anos da asociación cultural Barcas do Minho -domiciliada en Chantada-, a cultura fluvial da Ribeira Sacra non tiña ningunha representación na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que agrupa a numerosos colectivos de toda a comunidade. A asociación Casa do Barqueiro, que substituíu a Barcas do Minho -e que se disolveu igualmente hai pouco tempo- non chegou a solicitar o ingreso na referida federación. Pero a pasada fin se semana formalizouse a entrada nesta entidade da Fundación Xosé Soto de Fión, que rexenta no Saviñao o Ecomuseo de Arxeriz, onde se conservan importantes mostras da cultural tradicional relacionada coa navegación e a pesca.

José Antonio Quiroga, xerente da Fundación Xosé Soto de Fión, sinala que os contactos coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial xa datan de hai algún tempo. De feito, a entidade participou o pasado xullo na última edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais que organiza a federación cada dous anos e que se celebrou na localidade de Cabo de Cruz, no municipio coruñés de Boiro. Nesta mostra puideron verse un barco de dornas e outras pezas que se conservan no museo de Arxeriz. Quiroga apunta que a participación nestes encontros -que será continuada a partir de agora- é de grande interese para dar a coñecer as tradicións fluviais da Ribeira Sacra a numerosos expertos e afeccionados, non só de toda Galicia, senón tamén doutras comunidades e países, xa que estas citas teñen un carácter internacional.

Un proxecto complexo

Pero os responsables do Ecomuseo de Arxeriz, por outro lado, pretenden que a Ribeira Sacra chegue a ser máis adiante o escenario dun encontro de embarcacións tradicionais organizado en colaboración con esta entidade. «Non é algo que se vaia poder facer a curto prazo, porque organizar unha iniciativa deste tipo require unha planificación e unha loxística moi complexas», puntualiza Quiroga. En todo caso, sería o primeiro encontro deste tipo que se organiza no sur lucense desde os que se celebraron nalgunhas edicións da desaparecida Festa do Río de Monforte, coa colaboración da asociación Barcas do Minho. «Pretendemos facer algo parecido, pero cunhas dimensións algo maiores, polo que fará falta un esforzo moi importante para levar a cabo este proxecto», agrega o xerente da fundación.

A entrada da fundación na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial -afirma Quiroga por outra parte- xustifícase polo intenso labor que realiza desde hai anos por conservar e difundir a cultura fluvial da Ribeira Sacra. O museo conta con exemplares de embarcacións de once tipos tradicionalmente utilizados non só nesta zona, senón tamén noutros tramos dos cursos alto e baixo do Miño. Algunhas destas barcas, feitas hai moitos anos, foron recuperadas e restauradas pola fundación, mentres que outras se fabricaron en tempos recentes de acordo cos modelos tradicionais. A isto súmase unha ampla colección de antigas artes de pesca, que na súa maior parte son pezas orixinais restauradas.

José Antonio Quiroga apunta por outra parte que «é certo que a cultura fluvial que está representada no ecomuseo desapareceu en grande parte a causa da construcións dos encoros nos anos cincuenta e sesenta, pero tamén é certo que na zona aínda se seguen fabricando e usando barcas tradicionais e que quedan moitos testemuños desta cultura». A pertenza á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, ao seu parecer, axudará a conservar mellor este patrimonio e a sacarlle rendemento desde o punto de vista educativo e turístico.

Un carpinteiro en activo

O carpinteiro chantadino Fernando Ibarra, antigo compoñente da asociación Barcas do Minho, continúa fabricando embarcacións tradicionais. Algunhas delas están expostas no Ecomuseo de Arxeriz, que lle encargou a súa construción Otras son vendidas a particulares. Na última Feira do Viño de Chantada recibiu o encargo de fabricar tres batuxos -botes de remos típicos do Miño- para unha asociación cultural da Terra Chá