La historiadora dará mañá en Chantada unha conferencia acerca da onomástica histórica, sobre que prepara unha tese doutoral
08 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A historiadora Tamara González López dará mañá no telecentro de Chantada -ás 20.30 horas- unha conferencia sobre a onomástica do municipio entre os séculos XVI e XIX. O acto está organizado pola Irmandade Cultural País do Faro. Tamara González, natural de Chantada, está preparando unha tese de doutoramento sobre a onomástica na diócese lucense que calcula que terá terminada nun prazo de entre un e dous anos.
-¿Que fontes de información utiliza para o seu traballo?
-Sobre todo as partidas de bautismo que se conservan nos arquivos das parroquias. Os arquivos do rexistro civil aínda non os consultei e ademais estes rexistros comezaron a implantarse na segunda metade do século XIX. Para saber o que sucedía antes hai que recorrer necesariamente ás partidas bautismais. Nalgúns sitios o rexistro civil comezou a usarse en torno a 1850 e noutros algo máis tarde, arredor de 1870. Os arquivos que utilizo son os da diócese lucense, polo que no meu traballo hai datos sobre algúns municipios que están fóra da provincia, como Lalín, pero non doutros que si están dentro dela, como Mondoñedo, porque pertencen a outro bispado.
-¿Houbo moitos cambios no uso dos nomes propios e apelidos no período está estudando?
-Segundo as distintas épocas houbo moitos cambios nos costumes. Houbo períodos en que era habitual que as persoas tivesen nomes compostos, que a miúdo incluso estaban formados por tres ou catro nomes simples. Iso foi especialmente común en torno a 1750. En canto aos apelidos, antes da implantación do rexistro civil era moi habitual utilizar un só, que podía ser o paterno ou materno ou algún outro que non era nin o do pai nin o da nai. Podía proceder dun nome de lugar ou ter unha orixe diferente que ás veces non é fácil determinar. Non había unha norma fixa. O sistema actual de utilización dos apelidos paterno e materno só se xeneralizou cando se crearon os rexistros civís.
-¿Hai algún nome propio que sexa especialmente típico da comarca de Chantada?
-Na súa maioría son os mesmos que se usaban habitualmente no resto da diócese e que cambiaron segundo as diferentes épocas. Por exemplo, nomes como José e Manuel ou os das advocacións marianas -Dolores, Concepción, Pilar, Asunción e outros- só comenzaron a ser comúns a partir de 1850. Antes eran moi raros ou non se usaban. Pero hai un caso particular que é o nome de Pegerto. Só se usou con certa frecuencia nesta comarca e algúns municipios cercanos da provincia de Ourense, como Cea. No resto de Galicia e de España é rarísimo ou descoñecido.
-¿E iso a que se debe?
-Todo indica que surxiu na parroquia de Buciños, en Carballedo, onde están gardadas as cinzas de san Pexerto. Quen trouxo esas reliquias, que supostamente se conservan na igrexa parroquial, foi José Antonio Ribadeneira, señor da casa de Loureiro e bispo de Valladollid. Non sei como o fixo nin por que motivo, pero parece que conseguiu permiso para traer esas reliquias desde Roma en 1830. O nome comezou a utilizarse para bautizar nenos en torno a 1850, pero o seu uso quedou restrinxido a unha áera xeográfica moi limitada.
-¿En que medida influían os párrocos na elección dos nomes para bautizar aos nenos?
-Influíron moito e non só nos nomes. Tamén os apelidos dependían de como os escribise o párroco na partida de bautismo. Houbo persoas da mesma familia que se apelidaron de diferentes maneiras -con variantes como Outeiro e Otero-, dependendo do cura que as bautizase. Na igrexa de San Salvador de Asma, en Chantada, foi moi habitual bautizar aos nenos como Benito debido ao convento beneditino que había xunto a ela. Cando o convento foi pechado na Desamortización, houbo unha diminución notable no uso dese nome. Tamén foi habitual o nome de Ana por unha capela dedicada a santa Ana que había na actual praza que se chama así. E ademais da influencia da Igrexa, tamén pesan moito as modas.
romaría en buciños
Na parroquia de Buciños celébrase o 9 de setembro a romaría de san Pexerto -á dereita-, que atrae e a numerosos veciños da zona. Segundo a tradición, o santo favorecía especialmente aos mozos que entraban en quintas. Mo¡tos dos fieis que asisten a este festexo tamén participan o día anterior na romaría chantadina do Faro, que se celebra o día anterior. A tradición di tamén que as reliquias proceden das catacumbas de San Calixto