O colectivo Patrimonio dos Ancares pretende que a Xunta protexa a peza, depositada no Cebreiro desde inicios dos anos setenta
16 abr 2016 . Actualizado a las 20:55 h.A asociación Patrimonio dos Ancares dixiriu á Consellería de Cultura unha petición para que se declare ben de interese cultural (BIC) un antigo relevo descuberto en 1951 en Salcedo -na Pobra do Brollón- que se conserva desde principios dos anos setenta na localidade do Cebreiro. O colectivo tamén informou por escrito ao bispado lucense da existencia desta peza, sinalando que estivo gardada durante moito tempo na hospedería San Xiraldo de Aurillac -propiedade da Igrexa- e que foi levada alí polo sacerdote e historiador Elías Valiña Sampedro, o célebre dinamizador do Camiño de Santiago, nomeado párroco do Cebreiro en 1959.
O arqueólogo Xabier Moure, que presentou a solicitude en nome da referida asociación, sinala que a iniciativa ten por finalidade evitar que a esta peza arqueolóxica «lle aconteza como ao Cristo gótico que ata principios dos anos sesenta presidía o presbiterio da igrexa do Cebreiro e que, ao parecer, foi mandado a restaurar a non se sabe onde, enviando logo para aquí unha suposta copia que é a que podemos ver hoxe en día». Moure recorda a este respecto que a escultura relixiosa orixinal «non aparece por ningures e, e moito menos no inexistente Museo de Escultura de Arte Sacra de Madrid», que é mencionado nas páxinas web da diócese e do Concello de Pedrafita do Cebreiro.
O relevo -sinala por outra parte o arqueólogo- foi exhibido durante anos da cafetería do albergue do Cebreiro, aínda que foi tida xeralmente por unha copia. En realidade trátase da peza orixinal, segundo se desprende dunha investigación realizada recentemente por Moure en Salcedo. Algúns veciños desta localidade recordan aínda que Elías Valiña comprou no seu momento o gravado aos propietarios da casa onde apareceu.
Traballos de restauración
Moure lembra que nesa época o sacerdote «percorreu varios lugares de fóra e dentro de Galicia para dotar tanto á igrexa e aos seus anexos como ao poboado do Cebreiro de varias pezas, como complemento á restauración da aldea iniciada a principios dos anos sesenta do pasado século XX pola Dirección General de Arquitectura e baixo a dirección de Francisco Pons Sorolla e Manuel Chamoso Lamas e na que o propio Valiña Sampedro participou activamente». O investigador agrega que Valiña depositou o gravado na hospedería. Despois da morte do relixioso, en 1989, o establecemento converteuse nun mesón que foi administrado por membros da súa familia ata que acabou por pecharse, hai varios anos. Ata entón a peza foi exhibida neste local. Os veciños de Salcedo que foron testemuñas da compra e que viron máis tarde o gravado na hospedería aseguran que esa peza era a orixinal e non unha copia. Na actualidade -continúa o arqueólogo- a hospedería xa non funciona como establecemento hostaleiro e o edificio, que segue sendo de propiedade eclesiástica, está ocupado polos monxes franciscanos que atenden o santuario. «Hoxe en día, a peza xa non está nas dependencias da Igrexa, a súa propietaria, senón nas mans da familia de don Elías Valiña Sampedro», engade.
A peza considerose en principio como un gravado da Idade do Bronce -probablemente foi o propio Valiña quen a identificou como tal- e así se denominou nunhas postais que se vendían na antiga hospedería. Porén, Moure e outros arqueólogos que a puideron examinar non cren que pertenza a ese etapa cultural, senón a un período máis tardío aínda que difícil de precisar. Ao seu xuízo, podería ser da época castrexa ou romana, pero tamén dos primeiros séculos da Idade Media. En todo caso, os especialistas consideran que é unha peza de singular interese que debería ser dotada de protección oficial. Moure opina que de acordo coa lei do patrimonio histórico español de 1985 merece a categoría de BIC como calquera gravado de valor histórico ou arqueolóxico, «sexa petróglifo, escudo, emblema ou pedra heráldica».
unha descuberta fortuíta
Segundo as investigacións de Xabier Moure, o gravado que se conserva no Cebreiro apareceu nos alicerces dunha construción usada como curral que foi derrubada en 1951. Pouco despois a peza foi aproveitada a xeito de adorno no arranxo dunha casa contigua (á dereita). O albanel que fixo o traballo marcoulle a data de 1952. Nese lugar foi onde a descobriu Elías Valiña, quen comprendeu que tiña un valor arqueolóxico e que a comprou aos donos da vivenda