O colectivo que promove a ruta no sur lucense seguirá activo, pero quere redefinir a súa estratexia
28 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, que leva dezaoito anos promocionando o Camiño de Inverno no sur lucense, non ten previsto cesar na súa actividade unha vez que a ruta xa foi oficialmente recoñecida pola Xunta. Pero a nova situación, segundo explican os seus responsables, fará que se redefinan a súa estratexia e as súas prioridades. Estas serán a partir de agora algunhas das súas principais pautas de actuación.
Divulgación. O colectivo non ten previsto seguir editando e distribuindo folletos e mapas da ruta, algo que ata agora constituiu unha parte importante da súa actividade. Ao seu xuízo, este labor non será tan necesario xa que a Xunta asumirá a promoción turística do Camiño de Inverno xunto cos demais itinerarios xacobeos e conta con moitos máis medios. A asociación seguirá divulgando a ruta, pero sobre todo mediante a participación en congresos e encontros xacobeos e a publicación de artigos en revistas. E tamén a través da súa páxina web, que será ampliada e mellorada.
Sinalización e delimitación. Durante anos, a asociación dedicou un importante esforzo a colocar sinais e paneis informativos ao longo dos distintos tramos do Camiño de Inverno. Co novo carácter oficial da ruta, colocar e manter os sinais pasa a ser responsabilidade das institucións públicas. Porén, o colectivo cre que pode ter cousas que dicir cando a Xunta leve a cabo a delimitación final do itinerario.
Albergues. A directiva da asociación considera necesario que se abran albergues de peregrinos nas cabeceiras das comarcas polas que discorre a ruta e insistirá perante os concellos para que habiliten locais deste tipo. As iniciativas neste sentido, na súa opinión, animarán ao sector privado a aproveitar mellor o fluxo de visitantes.
Centro de acollida. Un proxecto que o colectivo pretende levar a cabo nesta nova etapa consiste en crear un punto de acollida e información para peregrinos que ao mesmo tempo sirva como centro bibliográfico e documental sobre as rutas xacobeas. Este local, ao seu parecer, debe estar ubicado en Monforte por ser principal poboación do tramo galego da ruta. Recentemente, a asociación manifestou o seu interese en utilizar para esta fin o baixo do antigo hotel Comercio, un espazo sen uso cuxa titularidade corresponde á Xunta. Agora pretende seguir insistindo para que se lle ceda este local ou, se iso non é posible, algún outro que ofreza boas condicións e que estea situado tamén xunto ao camiño.
Vixiancia. O colectivo prestará especial atención ao estado de transitabilidade e de sinalización da ruta, denunciando todas as deficiencias que detecte neste aspecto e pedindo que se corrixan cando sexa necesario. Así mesmo, procurará que a información que se ofreza aos peregrinos desde os distintos medios sexa correcta e actualizada. A este respecto, hai poucos días pediu que se corrixisen algúns erros que notou nunha web da Xunta sobre os itinerarios xacobeos, que inclúe xa o Camiño de Inverno.
«Os concellos non se dan conta do alcance que ten isto»
aida Menéndez, presidenta da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra desde a súa fundación, di que «non se pode explicar con palabras» o que senten os socios do colectivo despois do recoñecemento do Camiño de Inverno como ruta xacobea.
-¿Pensa que a concesión desta categoría fará que os concellos polos que pasa a ruta se interesen máis por ela?
-Témome que nin así vai ser fácil que os concellos poñan máis interese. Penso que aínda non se deron conta do alcance que ten isto e do que pode supor para a promoción do turismo. Creo que a súa atitude será deixar en mans da Xunta todo o relacionado co camiño. Pero a Xunta non vai intervir sobre o terreo ata o 2017 e en todo caso os concellos sempre poden facer un labor importante.
-¿Que cre que poderían facer?
-Por exemplo, algo que levamos reclamando moito tempo é que se arranxen un pouco os tramos da ruta que están en peores condicións. Non sería unha intervención moi importante nin custosa, consiste só en acondicionar algúns treitos de cen ou douscentos metros que están enlodados e en mal estado. Isto sucede sobre todo nos concellos de Monforte, A Pobra do Brollón e Pantón.
-¿Que relacións manteñen con outras asociacións de amigos das rutas xacobeas?
-Temos moitos contactos con asociacións de toda España, cada vez máis. Esta fin de semana recibiremos en Monforte a varios membros da asociación de amigos do Camiño de Santiago de Palencia que veñen coñecer a zona e preoparar unha serie de percorridos pola ruta para máis adiante. Tamén temos peticións de colectivos de Madrid, de Granada... Estas relacións parécennos moi importantes porque esas asociacións son unha grande axuda para divulgar o Camiño de Inverno e porque podemos aprender moito da súa experiencia.