A música de Quiroga e Ribas de Sil en 66 horas de gravacións

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / AGENCIA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Xosé Lois Foxo presentará o sábado un cancioneiro que recolle numerosas pezas tradicionais de ambos municipios

12 nov 2016 . Actualizado a las 21:39 h.

O auditorio municipal quirogués será escenario este sábado -ás 18 horas- da presentación do libro Cancioneiro antropolóxico de Quiroga, Ribas de Sil e montaña do Lor, que reúne cantares e melodías tradicionais recollidas na comarca por Xosé Lois Foxo, natural do Courel e director da Real Banda de Gaitas de Ourense. A obra foi editada polo Consello da Cultura Galega, institución á que Foxo entregou por outra parte un arquivo sonoro de 66 horas de duración recopilado durante cerca de tres décadas.

O libro editouse xuntamente con catro discos que conteñen unha selección deste extenso arquivo. En total son catro horas de cantares populares e breves conversas coas persoas que os interpretan. A edición complétase cun deuvedé de sesenta minutos de gravacións no que se reproducen con imaxe e son as actuacións de varios intérpretes. Segundo explica Foxo, foron cerca de 150 os veciños dos municipios de Quiroga e Ribas de Sil que achegaron pezas para esta recopilación. Algúns deles actuarán no acto de presentación do sábado, pero outros xa faleceron, porque xa eran de idades moi avanzadas cando se realizaron as gravacións. «Hai informantes que tiñan oitenta, noventa ou case cen anos cando contactei con eles», sinala Foxo.

En certos casos, o informante era unha soa persoa, pero noutros trátase de grupos máis ou menos numerosos. «É o caso dos cantores de Bustelo de Lor, que son cerca dunha ducia -apunta a este respecto Foxo- ou dos veciños de Margaride que cantan cantares de seitura».

Xéneros variados

O libro, de 570 páxinas, recolle as letras e partituras de numerosas pezas populares de diferentes xéneros. Entre elas destacan polo seu número os cantares de Reis, dos que hai cerca de setenta. A obra tamén reúne cantares de seitura, de pastores, de berce, de milicia -sobre feitos bélicos-, romances, rondas e parrafeos, entre outras variantes. «Hai tamén algúns cantares que eu chamo étnico-relixiosos, como un que conservaron os veciños da parroquia quiroguesa da Ermida que está dedicado á Virxe María», sinala Foxo.

A este extenso acervo súmanse diversas pezas instrumentais que se encadran en xéneros tradicionais como a muiñeira. Nesta parte da obra, o recopilador salienta como especialmente interesante a Marcha procesional de Covas de Lor, que foi recollida antes da Guerra Civil por un singular personaxe: Carlos Rodríguez, un gaiteiro natural da comarca que emigrou aos Estados Unidos despois da contenda e que pasou unha grande parte da súa vida en Nova York.

A obra ofrece ademais diversas informacións de carácter etnográfico e histórico sobre as tradicións musicais destes municipios. O que Foxo non conseguiu recoller neste libro son os chamados brindos ou cantares improvisados que puido recuperar con anterioridade en territorios próximos, como O Courel, A Pobra do Brollón e o municipio leonés de Oencia. Pero puntualiza que iso non significa que esa tradición non teña existido nunca en Quiroga ou Ribas de Sil, senón que pudo desaparecer con máis rapidez e sen deixar moitas pegadas. «En Vilar de Lor encontrei algunha referencia aos brindos, pero non había xa ninguén que soubese improvisar esas coplas», comenta.

A presentación do libro encádrase na programación das festas de San Martiño, que empezarán a celebrarse o venres.

Un novo paso nun proxecto iniciado hai varias décadas

O Cancioneiro antropolóxico de Quiroga, Ribas de Sil e montaña do Lor é un novo paso nun proxecto de estudo e recuperación da música tradicional do sur lucense que Foxo iniciou hai xa varias décadas. Con anterioridade publicou Músicas do Courel, unha obra editada en tres volumes aparecidos en diferentes épocas. Posteriormente editou Os útimos brindeiros de Forgas, un libro-disco dedicado aos irmáns José e Álvaro Veloso Valcárcel, naturais do municipio da Pobra do Brollón, que mantiveron viva a tradición das coplas improvisadas. Foxo tamén deu ao prelo o Cancioneiro de Oencia e contorna, dedicado á música popular deste municipio berciano que garda moitos paralelismos co folclore do Courel.

Na actualidade, Xosé Lois Foxo desprazou a súa atención á comarca ourensana de Valdeorras, onde xa leva tempo recopilando cantares e pezas instrumentais con vistas á publicación dunha nova obra.

 

gaiteiros no ferrocarril

Entre as historias recollidas na obra de Foxo figura a de dous gaiteiros de Ribas de Sil moi relacionados co mundo do ferrocarril. Eran coñecidos polos sobrenomes de Penelo e Terra Atrás de Torbeo e acostumaban subir ao tren na antiga estación de San Clodio e Quiroga -á esquerda- para facer o percorrido de ida e volta entre Ponferrada e Monforte. Durante as viaxes tocaban música para os pasaxeiros e recollían os seus donativos. «Moitas veces subían ao mesmo tempo e entón repartíanse o tren, a metade para cada un», explica Foxo. «Unha vez preguntaron a Penelo quen tocaba mellor dos dous e el respondeu simplemente: ‘Hai opiniois’», engade. A presenza destes músicos no tren foi habitual ata principios dos anos setenta