Os gravados rupestres foron descubertos en Sindrán, onde tamén apareceron unha mámoa e un castro
22 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O arqueólogo lucense Xabier Moure Salgado comunicou onte á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o achado de tres xacementos arqueolóxicos que realizou o pasado sábado durante unha visita á parroquia monfortina. Un deles é o primeiro conxunto de petróglifos descuberto no municipio de Monforte e encóntrase nas cercanías da localidade de Susao. Perto do mesmo lugar, Moure localizou tamén unha mámoa e un castro que non foran catalogados ata agora.
Os gravados rupestres prehistóricos foron encontrados na cima do monte da Medorra, a 665 metros de altura, onde hai varios afloramentos rochosos de xisto. Segundo explica Moure, tres destes petróglifos están gravados noutras tantas rochas e consisten nunha sinxela inscrición circular do tipo coñecido como cazoleta ou coviña. Todos eles teñen un diámetro duns cinco centímetros e unha profundidade de dous. Nas cercanías hai unha pedra solta -seguramente cortada dun dos bloques rochosos- onde pode verse outro petróglifo algo diferente, máis alongado, do tipo denominado navicular, con dez centímetros de lonxitude por tres de largura.
Moure sinala que estes petróglifos probablemente non son únicos que existen na zona. «Unha veciña de Susao conta que de nena levaba as ovellas a pacer ao monte da Medorra e recorda que cerca da cima había unha rocha moi lisa e moi fermosa onde ao parecer tamén hai coviñas», comenta. O arqueólogo non conseguiu por agora localizar este penedo. «A muller di que leva moito tempo sen ver a rocha e xa nos avisou de que esa parte do monte está agora chea de maleza», engade.
O municipio de Monforte - xunto co de Bóveda- era ata a data o único da comarca de Lemos onde non se catalogou ningún petróglifo. En Sober xa se coñecía a existencia de importantes conxuntos de gravados rupestres a mediados do século pasado e nos últimos anos foron descubríndose outros. Coñécense tamén grupos de petróglifos no Saviñao e na Pobra do Brollón, así como nos municipios de Quiroga, Folgoso do Courel, Carballedo, Chantada, Taboada e O Incio.
Moure cre que a escaseza de petróglifos de Monforte é debida a que na parte máis baixa do val hai poucos afloramentos rochosos. «Tamén é unha zona que estivo moi poboada e tivo moita actividade agrícola, así que as poucas rochas con petróglifos puideron ser arrancadas e aproveitadas en construcións», agraga.
Un asentamento descoñecido para os arqueólogos, pero non para os veciños
O castro de Susao non figuraba ata agora nos rexistros arqueolóxicos, pero na localidade coñécese tradicionalmente por ese nome. Xabier Moure descubriuno grazas ás indicacións que lle deron uns veciños cando preguntaba acerca da mámoa e dos petróglifos. Segundo explica, o asentamento encóntrase nun vértice que forman unha pista asfaltada que vai a Susao e unha estrada que conduce á aldea de Liñares, no veciño municipio da Pobra do Brollón. O recinto é de forma ovalada e ten unhas dimensións aproximadas de 125 metros no eixo norte-sur e de 85 no exito leste-oeste.
A parte interior do asentamento está hoxe totalmente aplanada. A zona está coberta na súa maior parte por maleza e piñeiros, pero segundo Xabier Moure é posible percibir a existencia dun pronunciado desnivel e do terreo pola parte do noroeste e dun foxo defensivo do lado leste. O arqueólogo sinala que cabe a posibilidade de que se trate dun castro romanizado ou construído xa na época romana, aínda que é difícil determinalo mentres non se faga un exame máis detallado. Ao seu xuízo podería ter relación coas antigas explotacións auríferas da Pobra do Brollón. O asentamento é o primeiro que se descubre na parroquia de Sindrán e vén incrementar o importante número de castros catalogados no municipio de Monforte, que suman cerca dunha trintena.
Orixe do topónimo
Por outro lado, Moure indica que o nome da localidade de Susao pode deberse ao feito de estar situada a unha maior altura que a cabeceira da parroquia. Iso foi o que afirmou Nicandro Ares -investigador da toponimia lucense- nun traballo publicado en 1994 na revista Lucensia. Na opinión deste investigador, o nome procede do baixo latín susanum, derivado de susum, voz que equivalía a sursum ou «cara arriba». Ares tamén sinalou que o nome de Sindrán procede probablemente do antropónimo visigótico Sindila. A parroquia é nomeada como Sendalices nun documento do ano 935 que indica o límite coa parroquia de Caneda. Outro documento redactado en 1309 no mosteiro de Ferreira de Pantón nomea a un veciño chamado Johan Eanes de Sindián.
Un túmulo de once metros de diámetro, moi alterado polos labores agrícolas
A visita que realizou Xabier Moure ao monte da Medorra estivo motivada precisamente por este topónimo -equivalente a mámoa-, que adoita indicar a presenza de túmulos megalíticos. A mámoa que localizou encóntrase a uns douscentos metros de distancia do conxunto de petróglifos, nunha zona un pouco máis baixa do monte, a unha altura de 655 metros. Desde o lugar divísase un amplo panorama da depresión monfortina.
O xacemento está moi alterado debido ás labores agrícolas que se levaron a cabo durante moito tempo no lugar onde se encontra -que forma unha penichaira na ladeira do monte- e perdeu unha grande parte da súa masa orixinal. A súa altura actual con respecto ao terreo circundante non chega aos vinte centímetros. Aínda así, o arqueólogo sinala que o perfil do túmulo -duns once metros de diámetro- é claramente recoñecible. Sobre a mámoa, engade, vense numerosas pedras de xisto e cuarzo que probablemente formaron parte da estrutura. Nas inmediacións hai una pedra semienterrada que pode ter sido un dos ortostratos ou soportes verticais do túmulo. O investigador sinala que nesta pedra está trazado un sulco que parece artificial.
Outros xacementos
No municipio de Monforte xa se coñecían previamente outras mámoas, localizadas nas parroquias de Chavaga, Fiolleda, Guntín, Marcelle, Valverde e San Xoán e San Xillao de Tor. Ningunha delas foi obxecto ata agora de investigacións arqueolóxicas nin tampouco de sinalizacións.