Documentais e literatura para apoiar a reivindicación do Oso de Salcedo 

La Voz

A POBRA DO BROLLÓN

ROI FERNANDEZ

Libros e vídeos serán presentados á Xunta a fin de reclamar de novo para o festexo a categoría de carnaval turístico 

03 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación veciñal de Salcedo ten previsto promover nun prazo moi breve unha nova iniciativa co obxectivo de conseguir a categoría de entroido de interese turístico para o carnaval tradicional da localidade. Unha vez que pasen as festas ?que se celebrarán entre o sábado e o martes?, o colectivo enviará á Xunta unha ampla documentación para apoiar unha nova solicitude. A primeira tentativa neste sentido levouse a cabo no 2008 e ata agora non obtivo o resultado desexado. Pero durante estes últimos anos, o acervo documental sobre este festexo foise enriquecendo dunha forma considerable e os veciños esperan que esta circunstancia axude a lograr o seu obxectivo.

A achega máis recente neste terreo será presentada o domingo, nun acto que se celebrará no centro multiusos da parroquia ás catro da tarde. Consiste nun documental ?en forma de vídeo e de libro? realizado por alumnos dun colexio público do municipio de Nassiet, pertencente á rexión francesa de Aquitania. O traballo títulase Onde? Na procura da festa do oso ideal ?na tradución galega que foi realizada polos propios membros da asociación veciñal? e foi dirixido por Yvon Dupuoy, un etnógrafo afeccionado que traballa como docente no referido centro e que mantén desde hai anos unha estreita relación co entroido de Salcedo. A obra está enfocada a un público escolar e compara este festexo ?resaltando as súas singularidades? con outros carnavais tradicionais europeos protagonizados igualmente por figuras de osos. 

Por outro lado, os alumnos do Colexio Fingoi de Lugo están preparando tamén un traballo documental sobre o Oso de Salcedo. A elaboración desta obra prolongarase ata o ano próximo, pero o centro educativo facilitará á asociación veciñal unha certificación para que poida ser presentada á Axencia Turismo de Galicia ?que concede a categoría de interese turístico a estas celebracións? como exemplo do interese que pode ter esta tradición para as actividades didácticas. 

Outro elemento que acompañará á documentación é a novela A poutada do oso, do escritor monfortino Lois Diéguez, unha obra publicada no 2011 que pón de manifesto o singular valor cultural, histórico e antropolóxico desteste festexo. 

Outros materiais

O colectivo tamén presentará á Xunta numerosos materiais para mostrar como se celebrou a festa ao longo dos últimos anos e para resaltar a súa capacidade para atraer visitantes. Entre eles figuran carteis anunciadores, programas de actos e informacións publicadas por diferentes medios de comunicación. 

Como é tradicional na localidade desde hai moitos anos, o entroido de Salcedo abrirase cunha función de teatro popular na que se representarán obras cómicas interpretadas polos veciños. Tal como sucedeu o ano pasado, este ano tamén participará un grupo formado por veciños da parroquia de Cereixa. As pezas programadas para esta ocasión titúlanse A manifestación, O pau, Os atracadores, Aeroporto internacional en Recemunde e Pérez y Quiñones. Agás esta última ?un sainete do comediógrafo  asturiano Vital Aza, falecido en 1912?, todas as demais son pezas orixinais. O centro multiusos, onde se representarán as comedias, ten capacidade para cincocentos espectadores. As entradas poden adquirirse nos dous locais de hostalería de Salcedo.

A continuación detállanse as diferentes actividades programadas para as xornadas festivas.

Sábado 6. Ás 20 horas ofrecerase a primeira función teatral, na que se representarán todas as obras mencionadas.

Domingo 7. Ás 16 horas proxectarase o vídeo sobre o entroido de Salcedo realizado polos alumnos da escola francesa de Nassiet. Ás seis da tarde comezarán os tradicionais bailes de madamas e danzantes. Media hora máis tarde, o pregón das festas será pronunciado polo actor e humorista Carlos Blanco e a continuación representaranse as tradicionais farsas breves coñecidas como «disfraces de campo». Ás oito haberá un baile animado polo grupo musical La Hora Bruja e a partrir das dez ofrecerase unha nova función teatral, coas mesmas pezas representadas no día anterior. A xornada pecharase cunha verbena amenizada pola orquestra Garibaldi.

Luns 8. Ás 16.30 horas cantaranse as típicas coplas de cego e comezará un pasarrúas do grupo Compostela Band. En torno ás cinco sairán ás rúas da localidade o Oso e os seus criados. Ás nove da noite haberá unha cea popular, seguido dun baile coas orquestras La Oca Band e Tekila.

Martes 9. O programa de actividades da última xornada festiva comenzará ás sete da tarde cunha actuación do mago Carlos. Ás nove da noite haberá unha paellada, á que seguirá unha verbena coa orquestra Pontevedra e un concurso de disfraces con premios sorpresa. Os organizadores sinalan que se valorarán sobre todo os disfraces de elaboración propia.