O castro de Valbón, un antigo poboado do Incio que estaba sen catalogar

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O INCIO

XABIER MOURE

O arqueólogo Xabier Moure localizou o asentamento grazas ás indicacións duns veciños de San Salvador do Mao

20 ene 2017 . Actualizado a las 22:19 h.

O arqueólogo Xabier Moure comunicou á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e ao Concello do Incio o achado dun castro situado neste municipio que ata agora estaba sen catalogar. O asentamento foi localizado esta semana grazas a uns veciños que se puxeron en contacto co investigador e encóntrase na localidade de Valbón, pertencente á parroquia de San Salvador do Mao.

Moure sinala que lle chamou a atención o feito de que este xacemento arqueolóxico non fose inventariado ata agora, xa que o lugar onde se atopa é coñecido tradicionalmente como O Castro. Ademais -engade- «a súa configuración non admite dúbida e divísase perfectamente desde lonxe». O asentamento, explica por outro lado o investigador, está a unha altura de 859 metros sobre o nivel do mar e consta dun único recinto de forma ovalada, cunhas dimensións aproximadas de 110 metros de lonxitude por setenta de largura. Na sua parte nordeste está defendido por unha forte pendente que cae cara ao río Mao e por unha pequena muralla que vai elevándose a medida que avanza cara á zona máis vulnerable -na zona suroeste- e que chega aos tres metros de altura en certos tramos.

O arqueólogo considera que a entrada do recinto debía estar situada na súa parte sur. O asentamento está cuberto por carballos e por unha maleza non moi alta -agrega-, pero na súa parte oeste pode distintinguirse en parte unha estrutura rectangular enterrada no chan e formada por varias laxes dispostas verticalmente que se asentan sobre outra pedra colocada en posición horizontal. En opinión de Moure, pode tratarse «dun gran recipiente ou alxibe para recoller a auga».

 

Vista de Formigueiros

Por outra parte, o arqueólogo apunta que o asentamento ofrece un amplo panorama do val do río Mao e mantén unha «inmellorable comunicación visual» co castro de Formigueiros, situado no veciño municipio de Samos, a 4,3 quilómetros en liña recta.

Así mesmo, Moure di ter localizado restos de ao menos dúas escavacións furtivas que foron praticadas en diferentes lugares do recinto nunha época que non é posible precisar. Os veciños da zona recordan lendas populares que dicían que o castro de Valbón estaba habitado por mouros e que no lugar había xoias de ouro enterradas.

Un topónimo peculiar e un xacemento arqueolóxico que está mal situado no inventario oficial

Os prados que están situados ao pé do castro de Valbón son coñecidos na localidade polo nome de Balacastro. Xabier Moure explica que cando examinou o lugar preguntou aos veciños se a denominación correcta non sería Valcastro e que lle responderon «con contudencia» que non era así. «O nome é Balacastro polas balas que disparaban os habitantes do castro», foi a explicación que lle deron.

No plan xeral de ordenación do Concello do Incio figuran outros 27 castros inventariados -indica Moure por outro lado-, aínda que catro deles están situados nos límites coa Pobra do Brollón, Samos e Sarria e pertencen a estes outros municipios. O arqueólogo di así mesmo que no catálogo de bens patrimoniais do referido plan, aprobado en decembro do 2005, está ubicado incorrectamente o castro denominado da Roda ou de Rendar. Segundo este documento, o asentamento encóntrase na localidade de Treimonte, da parroquia de Sirgueiros, cando en realidade se sitúa en Romariz, da parroquia de Rendar. «O que si está en Treimonte é o da Pena da Roda, sobre os regos da Ribeira e da Rodeira, e pola descrición da ficha debe corresponderse co mal denominado castro da Roda ou castro de Rendar», puntualiza. En Sirgueiros hai outro asentamento, denominado Agra do Castro, que si consta no inventario. Xabier Moure di que ten previsto comunicar este erro ao Concello do Incio para que sexa corrixido.