O castro de Arxeriz, preparado para as novas temporadas turísticas

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O SAVIÑAO

Un dos novos paneis situados xunto aos restos de estruturas construtivas desenterradas no castro
Un dos novos paneis situados xunto aos restos de estruturas construtivas desenterradas no castro

Nas áreas xa escavadas do recinto acaban de colocarse varios paneis explicativos en tres idiomas

06 feb 2016 . Actualizado a las 21:01 h.

O Ecomuseo de Arxeriz xa ten preparado para as próximas temporadas turísticas o castro que se encontra nos seus terreos, onde se realizan escavacións arqueolóxicas desde o 2013. As estruturas construtivas desenterradas na última campaña -no verán do 2015- foron consolidadas para que poidan conservarse ao libre, ao igual que se fixera coas que apareceran nos dous anos precedentes. O pasado xoves instaláronse nas áreas escavadas tres paneis informativos con textos en galego, castelán e inglés que axudarán aos visitantes a entender a complexa estrutura deste asentamento prehistórico.

Desde que se puxo en marcha o proxecto arqueolóxico, a Fundación Xosé Soto de Fión -propietaria do museo e do castro- mostrou a súa disposición a abrir ás visitas turísticas as zonas escavadas a medida que fosen avanzando os traballos. Despois da última campaña de escavacións son once as estruturas construtivas desenterradas que se poden mostrar ao público.

Na súa maior parte consisten en vestixios de vivendas, pero agora tamén poden verse os restos doutras tres construcións que -segundo todos os indicios- foron utilizados como almacéns de cereal. Estes elementos confiren ao castro de Arxeriz un carácter único en Galicia, xa que en ningún outro asentamento prehistórico do noroeste se encontrou un conxunto de arquitectura agrícola comparable a este.

Un patio de traballo

A estes espazos súmanse os restos dun patio ao aire libre que está en medio de varias edificacións e que foi desenterrado tamén o pasado verán. As pezas arqueolóxicas achados nesta zona suxiren que se usou para moer cereais e outras tarefas similares. Todos estes achados aumentaron considerablemente o interese do castro, que xa destacaba por ser único do sur da provincia acondicionado para as visitas turísticas, xunto co de Sobredo do Courel. Pero a intervención feita neste lugar foi moito máis limitada que a de Arxeriz.

Unhas xornadas divulgativas para presentar os resultados de tres anos de escavacións

Ademais de mellorar a infraestrura destinada a acoller aos visitantes, a Fundación Xosé Soto de Fión ten previsto organizar nos próximos meses -as datas aínda están por decidir- unhas xornadas divulgativas nas que se exporán de forma detallada os resultados das tres campañas arqueolóxicas realizadas ata agora no xacemento. De momento, segundo indican os responsables, no castro segue sen aparecer ningún indicio arqueolóxico de que o lugar estivese habitado na época romana, unha circunstancia moi pouco común nos castros galegos. Os materiais encontrados ata agora indican ocupacións que poderían datarse entre o século III antes da era actual e o século I, aínda que tamén hai vestixios que poderán ser aínda máis antigos.

Por outra parte, a fundación pretende difundir tamén estes achados no ámbito académico mediante a publicación dun traballo nalgunha revista especializada. Isto é algo que se emprenderá a raíz das mencionadas xornadas divulgativas. O museo tamén ten previsto ampliar e reforxzar próximamente os contidos informativos da súa páxina web na parte que se dedica ao xacemento castrexo.