«Na rehabilitación da Seara non todo foi bon nin todo foi malo»

La Voz

QUIROGA

CEDIDA

O realizador audiovisual presentou en Lugo un documental sobre a restauración dunha tradicional aldea quiroguesa

24 may 2016 . Actualizado a las 23:36 h.

O realizador audiovisual e guionista Pepe Coira presentou hai pouco no club lucense Valle Inclán e no Centro Galego das Artes da Imaxe a súa longametraxe documental A Seara, que reflicte o proceso de rehabilitación integral desta aldea quiroguesa, iniciado en 1999.

¿Cal foi a idea que deu pé a este documental?

-Foi porque coñezo a un membro do Gabinete de Arquitectura e Urbanismo de Lugo, que realizou este proxecto no seu día e que me falou del. Estou interesado na arquitectura e pareceume que esta historia podía ser moi adecuada para reflectir non só sobre o papel dos arquitectos, senón tamén sobre o de todos os que interveñen nos proxectos arquitectónicos e urbanísticos, como os construtores, os obreiros e os veciños. Non pretende contar en detalle aquel proceso concreto, senón ofrecer unha visión máis xeral.

¿E como se presenta o resultado da intervención?

-Para os arquitectos, a operación non acabou ben e de feito non asinaron o final da obra. Houbo problemas na execución e non quedaron satisfeitos. Os obxectivos non se cumpriron de todo. A opinión dos veciños é moi similar. Pero tamén coinciden en que aínda que a rehabilitación non se fixo tal como se pretendía, foi mellor que se fixese que quedase sen facer. A pesar de todo, condicionou o presente da aldea e deulle unha vitalidade que non teñen outros lugares parecidos. Como en moitas outras cousas, non todo foi bon, pero tampouco todo foi malo.

-¿Por onde vai circular esta produción?

-A TVG xa a adquiriu e vai proxectala nunha data que aínda non coñecemos. Tamén pretendemos movela por festivais de cine especializados na etnografía, no mundo rural, na arquitectura... Queremos ademais proxectala na propia Seara, o que se fará seguramente o 24 de xuño, coincidindo coa festa local de San Xoán.