Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pinocho como exemplo

BARBANZA

07 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Andaba estoutro día o neto dun amigo, tocándose o nariz cada dous por tres. Non era ese feo costume de remexer nas fosas nasais ata desfacer a mina de material adherido ás mesmas pituitarias. Non. El só tocaba co dedo a punta do nariz. Preguntáballe eu calquera cousa e respondía cheo de ledicia, pero tocándose o nariz. Era unha especie de tic que chegou a preocuparme, pero, consciente de que as normas de educación impiden facer certo tipo de preguntas, non dixen nada.

O cativo ten cinco anos e é moi esperto. Non sabe a biografía dos autores de literatura infantil correspondente á súa idade, pero si o nome dos principais protagonistas das historias que xa empeza a ler por si mesmo. O rapaz, moi organizado, ten os libros da súa biblioteca ordenados segundo o seu gusto, e mentres hai uns andeis en que todos os libros están sobados, outros están tan impolutos como se estivesen expostos para a venda. Así mesmo, é capaz de diferenciar media ducia de dinosauros e dicir de que se alimentaban, canto pesaban e a velocidade que alcanzaban cando corrían. E eu disfrutaba estoutro día preguntándollo e aprendendo, aínda que despois de cada resposta se tocase o nariz e me sorrise movendo a cabeza afirmativamente. Outras veces as preguntas eran un pouco máis difíciles, tal canto é seis por seis, e neste caso dime directamente que non sabe, pero tamén se toca o nariz. Quixen animalo asegurándolle que el ía aprobar esa reválida para nenos, que só pretende demostrar que os listos son os que van a colexios caros, e el engruñou os ombros dándome a entender que non lle preocupa.

Uns días máis tarde atopei ó seu avó agardando por el na porta da escola, e quedei a acompañalo, máis cando lle gabei o esperto que era o cativo, díxome, algo preocupado que, de tanto loubalo, ás veces contestaba coma un resabido sen portar pola verdade, como fan os famosos endiosados, que teñen resposta para todo e como se o único importante fosen as súas ocorrencias, e daquela houberon de argallar a maneira de obrigalo a pensar antes de contestar, poñéndolle o exemplo de Pinoncho, e agora están loitando cos efectos secundarios de tal remedio.

O meu amigo, que é moi dos vellos métodos, criticoume polo baixo que a súa filla, xa que non ten intención de amedrentar ó cativo cos castigos dun deus omnipotente nin co lume do inferno, para marcarlle as liñas de conduta buscou na literatura infantil os modelos e os castigos para quen non se porta ben, e o conto de Pinocho, a quen lle medra o nariz con cada mentira, meteuse tanto no rapaz que o medo a que algunha palabra, aínda dita sen querer, lle faga medrar a napia e que todos llo vexan, faille tocala cada dous por tres. E tanto se lle meteu o medo no corpo que ata o teñen atopado fronte ó espello en acto de contrición.

Opina o meu amigo que o autor do famoso conto, tivo mellor idea có mesmísimo Deus dos ceos para frear os desmáns dos mentireiros, trapalleiros e demais elementos antisociais, pois que coa confesión un acaba por contar co perdón de antemán e non sente esa dor de conciencia que o acto punible debe conlevar, só é cuestión de pasar polo confesionario para limpar a alma en secreto e sen que ninguén se decate nin te sinale, facendo certo iso de que o pecado agochado está medio perdoado. Pero o medre da napia como mostra pública do pecado cometido xa intimida máis. E o rapaz este, cada vez que se toca o nariz móstranos que ten a conciencia suficiente para saber que dentro del, como dicía Ortega, hai un reo e un xuíz, e por sorte, aínda sabe distinguir a un do outro.