Maximino Cacheiro publica a súa antoloxía poética en galego

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Oscar Vázquez

«Mar e lume» reúne os sete libros editados polo poeta ata o de agora

07 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A editorial Toxosoutos vén de publicar Mar e lume, a antoloxía poética en galego de Maximino Cacheiro Varela. O libro reúne os sete poemarios galegos que reflicten o imaxinario simbólico e poético do profesor universitario a través do seu itinerario vital.

Latexos do exilio é o primeiro poemario e sitúa ao autor no exilio político que viviu no tardofranquismo. «Eu teño o diploma da memoria histórica pero eu o asumo sen mirar con ira atrás, senón como unha reconciliación nacional», sinala o autor.

A segunda referencia da antoloxía é Tremos do amor. «Son flashes líricos sobre o discurso amoroso barthesiano; tratei de poñer en galego a Roland Barthes», explica. Outra das referencias na traxectoria de Cacheiro Varela é o escritor cubano José Lezama Lima, aquén lle dedica Fulgor do fetiche lezamiano. Segundo o poeta «é unha lectura de Paradiso a partir do obxecto fetiche». A arte pictórica ten o seu protagonismo no poemario Cantos aos pintores galegos.

«Este foi un best seller no seu momento», di Maximino Cacheiro para referirse a Iluminación do mar, un conxunto de haikus que dialogan coa poesía galega do mar, e que foron publicados en torno ao afundimento do Prestige.

Relámpagos do existir é unha «autobiografía intelectual simbólica baixo o signo do significante, o ser represéntase disperso no espazo e tempo». O formato haiku foi tamén empregado nos dos últimos poemarios, Onde se irisa a flor e A música irisada.

«Tratei de darlle á poesía en galego unha dimensión cosmopolita, que é unha forma de madurez do idioma e, ao mesmo tempo, facer da poesía unha marea poética viva», afirma o autor da antoloxía.

Maximino Cacheiro Varela sinala que a súa poesía é o seu itinerario vital. «Como toda a poesía auténtica ten unha compoñente biográfica, a un ou a outro nivel simbólico», conclúe