Francisco Castro: «Ás mulleres propóñenselles ideas do amor inalcanzables»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

A protagonista da novela de Castro se enfronta a unha crise que cuestiona a súa concepción amorosa

19 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Amor é unha palabra coma outra calquera (Galaxia) é, en palabras do seu autor, Francisco Castro, unha novela contra o amor. Máis ben, contra a idea estereotipada do amor, da que é vítima unha muller, Carla, que ao verse abandonada ten que mudar as súas conviccións. Unha lista de cancións en Spotify acompaña o libro.

-Emma Bovary tiña unha idea do amor polo que lía nas novelas románticas: polo que se ve na súa protagonista, as cousas en dous séculos non cambiaron.

-Sen dúbida. Non cambiou en absoluto. Máis ou menos a idea «do que debe de ser o amor» segue a construírse cos mesmos materiais, en especial nas ideas que se lle transmiten ás mulleres e a necesidade de que se «completen» cun home que as queira e as faga sentir especiais e queridas e non sei que. Se colles calquera revista das que len as adolescentes, están inzadas de reportaxes na liña de «como volver tolo ao teu rapaz» ou «aprende a darlle pracer». A idea segue a ser a mesma: tes que aprender a facelo feliz e só así serás ti feliz. O amor entendido coma unha falsa actividade. En realidade, é pasividade.

-¿Canto hai de impulso biolóxico e canto de construción social na nosa idea do amor?

-O amor, moi probablemente, é un curioso mecanismo da natureza para garantir a reprodución. Sen embargo, gústanos, e a min tamén, velo doutra maneira. E o amor pasa a ser un xeito de nos realizar na vida, de dotala de sentido, cando, en realidade, a vida non ten sentido. Como moito, o sentido é buscarlle un sentido. A idea que temos do amor, o noso xeito de organizalo na cabeza, é absolutamente cultural. Coma todo, por outra banda. O impulso ten que ver con outras cousas. Estar «namorado» é algo que se aprende. Coma todo.

-Emma Bovary e Carla son mulleres. ¿Como afecta particularmente ás mulleres a convención social do amor?

-Dalgunha maneira era o que antes dicía. Os mecanismos da sociedade patriarcal traballan duro para someter ás mulleres, e dende o amor e a súa idealización se ten feito un traballo moi claro neste sentido. A elas edúcaselles, malia a aparencia última de liberdade sexual contemporánea, na represión. O amor é o sexo, que son a mesma cousa (aínda que o sexo sexa algo casual e dunha única vez incluso con alguén descoñecido, é, como se mantén na novela, unha forma de amor) pero no caso das mulleres aprendémoslles a desvincular unha cousa da outra. O platonismo ten feito estragos na cultura occidental. No caso das mulleres, ademais, o traballo foi letal. Propóñenselles ideas do amor inalcanzables, que esixen moito delas. Aínda que tamén se lles pide do corpo, da capacidade profesional, que sexan nais perfectas, fillas perfectas?