«A escritura nunca foi nin está a ser unha profesión, trátase dun regalo»

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O noiés Amadeo Cobas acaba de publicar a súa novela curta, gañadora do certame Cidade Centenaria

07 abr 2016 . Actualizado a las 12:24 h.

A pluma de Amadeo Cobas (Noia, 1966) espertou con dezaoito anos, alimentada polo cálamo de Bécquer e desa xeración de escritores do Romanticismo, que o conduciron aos seus primeiros versos. Cumpridos os 20, vía como un relato curto se alongaba ata adquirir as dimensións da súa primeira novela. Tratábanse dos duros inicios deste autor que el sitúa nunha cronoloxía poética: «A escritura comeza dende que ler non é suficiente para ti».

Na actualidade, cunha meritoria listaxe de publicacións ao longo dos dez últimos anos, o noiés acaba de publicar e presentar o seu último traballo, A cacería. Esta novela curta resultou gañadora do pasado certame literario nesta modalidade, o concurso Cidade Centenaria de Ribeira. Nese contexto, atópase presentando esta peza, estando hoxe na librería Couceiro en Compostela e o vindeiro día 15 no Pazo da Cultura en Redondela.

Prólogo

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, traballa nos xulgados vigueses, mais o ritmo da súa linguaxe non ten nada que ver coa monodia xurídica habitual neses lares. «A escritura nunca foi nin está a ser unha profesión, trátase dun regalo», con estas maduras palabras apunta cara unha liberdade cobizada por moitos autores plenamente dedicados ao oficio de xuntar letras. Pero para el «non é preciso que lle dea un soldo cada mes», mais ben a recompensa ten un compoñente espiritual en vez de pecuniario.

Tras pasar unha longa estadía de dezasete anos en Zaragoza, alí puido somerxerse na crítica literaria da man de cabeceiras como o Heraldo de Aragón ou o Diario de Teruel. Tamén foi elixido responsable da sección de Cultura do Centro Galego da cidade da Virxe do Pilar. Nesa tempada tamén tivo tempo de percorrer a xeografía da península ibérica, dando lugar ao seu particular Viajes con Heródoto, o libro Contos de viaxe: «Tornaviaxes, lembranzas, cousas que contar, ata historias inventadas... foi un agradecemento a todos eses lugares», expresou Cobas.

Quizais a principal característica que define a este noiés sexa que sempre busca algo totalmente diferente ao anterior. Por iso deseñou entre as súas páxinas máis frescas unha narración de acción frenética, que impide que o lector descanse un só instante a través de capítulos curtos que incitan a iniciar o seguinte. Por este motivo as captacións psicolóxicas de cada personaxe están máis reducidas, outorgando a posibilidade ao público de imaxinarse o que falta.

Epílogo

Neste escaso período de dar a coñecer A cacería, xa foi seleccionada por dous centros educativos como lectura para os seus estudantes: «non era un obxectivo, mais ben unha consecuencia de achegarse ao lector», explicou o noiés que tamén leva a cabo dende a Asociación Catropatacos xunto á escritora Clara do Roxo e o antropólogo Alberto Vilaboa proxectos, como clubs de lectura.

Se esta novela nacía das similitudes existentes entre o Pirineo aragonés e a paisaxe galega, onde as verbas de Fole ou Cunqueiro serían doadamente intercambiables, Amadeo Cobas arrastra unha investigación histórica de preto de dous anos acerca dos piratas e corsarios que asaltarán as Illas Cíes no seu futuro relato o vindeiro outono. Acompañaralle outro, sen data, cunha narración feminina en primeira persoa.

«Será unha tolería dos escritores, pero as ideas espértanche pola noite, como se o personaxe estivera falando contigo», confesou un creador pertencente a ese cariz de talento, que colecciona a caricia da musa en vez de trofeos.

Bibliografía do autor: 

-Un amigo en el Galacho, 2001.

-Contos de viaxe, 2002.

-Miranda, 2004.

-Pasar a la posteridad, 2005.

-As pantasmas sodes do que non hai, 2007.

-A cacería, 2016.

Colaboracións: ademais de participar en diversas obras colectivas, publica no blogue La tormenta en un vaso.