Francisco Fernández Rei: «Moito do galego estándar é como é grazas a este material do atlas»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

«A visión que tiñan fóra nos anos 60 da lingua é que era un 'patois', que é unha palabra degradante», di o investigador

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os bos traballos levan tempo e perduran nel. Entre 1974 e 1977 uns daquela mozos investigadores do Instituto da Lingua Galega percorreron a xeografía do país para recoller o léxico que falaba a xente. Era o xerme do Atlas Lingüístico Galego (ALGa). E os mozos Rosario Álvarez, Manuel González e Francisco Fernández Rei (Cambados, 1952), este último coordinador do derradeiro volume do traballo que acaba de publicarse.

-¿Como se prepara esta obra?

-Para nós o galego existe, pero cando un mira a romanística 150 anos atrás ata os 80 ou os 70, non existimos. O coñecemento que había da lingua era practicamente nulo. Un romanista inglés, que ten un manual excelente, Elcock, nos 60 dedícalle un par de liñas ao galego, e di que quedou reducido a un patois, utiliza esa palabra francesa degradante, que cultivan algúns entusiastas locais. Estamos nos 60 e a visión é dun patois que cultivan entusiastas locais. Non había practicamente traballos sobre a lingua, e os que había debíanse a alemáns da escola de Hamburgo, creada nos 30, na época nazi, que estiveron en distintos sitios de Galicia aplicando o método palabras e cousas en Becerreá, Fisterra e a cunca do río Limia.

-¿Por que tiñan interese os alemáns en estudar o galego?

-Andaban en zonas de fronteira facendo bos mapas topográficos.

-¿Espías?

-Ponlle o cualificativo que queiras. Supoño que farían algo máis que lingüística, iso é obvio, pero grazas a estes investigadores da escola de Hamburgo contamos con traballos excelentes vendo o que é o galego dunha zona ou comarca. Tamén é moi importante destacar que dúas persoas nacidas en Madrid, un con relación galega, como é Dámaso Alonso, teñen traballos importantísimos sobre o galego. O outro nin sequera ten relación afectiva co galego, Alonso Zamora Vicente, que foi catedrático aquí en Santiago e unha persoa moi comprometida. Para el o importante é o que falaba a xente, e como estudoso da dialectoloxía no territorio é o pioneiro, o primeiro que fai un traballo no que se ve o seseo e a gheada, que ademais son os dous grandes marcadores sociolingüísticos, en particular a gheada.

-¿Como nace o ALGa?

-A Unesco nos 60 puxo en marcha un proxecto, o ALE, para recoller todas as linguas desde Fisterra a Lisboa ata os Urais. O encargado en España era Manuel Alvar, que encargou para España un Atlas Lingüístico de España e Portugal, o ALEP. En Galicia Alvar contacta con Constantino Iglesias, director do ILG, para que faga as enquisas e os mapas. Entón Constantino e Antón Santamarina decidiron facer un cuestionario dúas ou tres veces maior, con 2.711 preguntas, para o ALGa, polo que o traballo serviu ao final para tres atlas.

-¿Todo o material recollido foi a base do galego normativo?

-Sen dúbida ningunha. Aínda que non empezamos a publicar o atlas ata o 90, os borradores xa empezamos a usalos en propostas de codificación do galego, é dicir, que moito do galego estándar é como é grazas a este material do atlas.

«Para movernos por Galicia tiñamos unha especie de salvoconduto»

Cando Fernández Rei, Rosario Álvarez e Manuel González recorreron a xeografía para recabar os rexistros galegos o tempo do franquismo expiraba. Non era bo momento político, pero si para percorrer unha Galicia «na que a cultura material que estabamos recollendo aínda estaba viva, podías preguntar polo carro tradicional ou o xugo porque estaban aí».

-¿Como se decidiron os puntos nos que facer as enquisas?

-Decidíronnos entre Santamarina e Constantino, buscaron unha malla segundo a densidade de poboación, que houbera dun a outro punto 15 ou 20 quilómetros, e tamén sabiamos que o galego ía máis alá do Navia, polo que tamén se colleron puntos en Asturias, Zamora e León. Despois, a realidade fixo que ás veces houbera que movelos, porque había sitios moi despoboados, e era un momento moi complicado politicamente.

-¿Causou algún problema?

-Nós non buscamos o momento, foi o que foi, cando a Unesco e o CSIC puxeron o proxecto en marcha, pero comezamos en novembro do 74, tiñamos que enquisar a raia de Portugal, e pouco antes fora a Revolución dos Cravos; alí había auténtica liberdade e aquí estaba proceso agónico do final do franquismo. O control da Garda Civil era ben grande e para poder movernos tiñamos unha especie de salvoconduto, un escrito oficial de cada uns dos gobernadores civís asinados con puño e letra.

-¿Houbo que usalos?

-En xeral pasabamos dos alcaldes e mais dos comandantes, pero algunha vez houbo que usalo.