Miguel Sande gaña o García Barros co relato do impacto da crise nunha familia

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«A candidata» novela a quebra dun fogar e a súa reconstrución a través das voces de dúas xeracións

20 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise afectou a moitas familias, traendo consigo non só dificultades económicas, senón tamén emocionais. O relato dunha quebra e o intento posterior de reconstrución é a cerna da novela coa que Miguel Sande (Pastoriza, Arteixo, 1961) gañou onte o premio García Barros. A candidata dá voz a unha desas familias para que os seus membros relaten en primeira persoa o seu impacto. Así, a novela estrutúrase en tres partes: na primeira, unha nai grava pequenos fragmentos en vídeo, a xeito de diario, no que recolle a quebra da familia por mor da crise. «É un mundo que se rompe», describe Sande. A segunda cede a narración á filla, que aos seus 18 anos ingresa na universidade e participa activamente de movementos cidadáns e políticos novos, moi actuais, dende os que loita por unha sociedade mellor e máis xusta. «Dese mundo que se rompe ela trata de reconstruír un mundo novo», di o autor. Pecha A candidata unha entrevista co terceiro membro, o pai, da que Sande prefire non avanzar nada máis que será un final «sorprendente» para unha obra pensada «para todo tipo de lectores, adultos e mozos».

O xurado, que fallou o galardón na Casa do Concello da Estrada, destacou da novela gañadora o seu «discurso narrativo intenso, moi traballado e de andadura sintáctica cortante e abrupta». Tamén subliñou a «absoluta modernidade» dos personaxes, «figuras degradadas ata o subsolo máis destrutivo -autodestrutivo- da condición humana». o seu ditame conclúe que A candidata é «unha novela de impacto, esencialmente ferinte, afastada de calquera mirada politicamente correcta». Sande empregou unha linguaxe «dura, pero tamén con momentos tenros, que recolle detalles nos que habitualmente non se repara», e cre que a figura da filla, co seu desexo de reconstruír un mundo novo sobre os restos da crise move ao optimismo.

Galaxia publicará A candidata á volta do verán.