Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Alberte Santos: «A linguaxe do xornalismo non deixa fendas para a estética»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

O escritor e xornalista presentou na feira do libro da Coruña a segunda edición da súa primeira novela

10 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Profesora universitaria. Nai de dous fillos. Acomodada situación social. A súa parella é un home de negocios moi ben situado. Con todo iso, Paula, a protagonista da primeira novela de Alberte Santos, O rebumbio dos vagalumes (Editorial Laiovento), é unha inconformista, «unha muller chamada á rebeldía». Isto aseguraba onte o escritor e xornalista galego antes de presentar a segunda edición desta obra na feira do libro da Coruña. Durante tres anos, a novela de Santos andou do ordenador ao caixón, ata que na editorial lle deron o empurrón definitivo para que a rematara. Precisamente desde o selo salientan que a historia de Paula «cumpre coa traxedia muda de moitas mulleres que no tempo actual, pola asfixia emocional do ambiente no que viven, non enfían a vida pola cara que máis lles convén».

-Vai pola segunda edición da con que debutou...

-Estou moi ledo por iso, porque non é nada sinxelo.

-¿Ponse na pel dunha muller?

-A protagonista vive nunha contorna satisfactoria pero non se sinte satisfeita coa súa vida. Para distraerse busca historias en paralelo que teñen sempre unha testemuña, unha persoa da súa contorna, que vai contando en terceira persoa. A pesar de que na actualidade o papel da muller evolucionou moito, aínda quedan facetas relevantes do mundo da muller onde non están en plena igualdade. E por iso, a través da muller, podía construír ese personaxe con esta nota de frustración.

-¿Por qué emprega esa estrutura narrativa?

-Porque iso que se conta en terceira persoa é a vida agochada de Paula e por iso é a que a van construíndo outros personaxes. A outra é a súa historia que conta en primeira persoa. Ademais, cronoloxicamente, racho co tempo con diferentes testemuñas.

-Parece unha situación moi habitual na sociedade actual, ¿ou non é tanto?

-Paula é unha muller chamada a unha rebeldía que ela fai provocando camiños que ás veces son efémeros e outras son polémicos.

-Sendo xornalista, ¿pensa que hai como unha obrigación de escribir un libro?

-O xornalismo ten unha linguaxe pragmática, non deixa apenas fendas para a estética. Esa é a outra parte que ten a ficción, que podes contar cousas que o xornalismo non podería contar, e contalo doutra maneira. O xornalismo axuda a que a ficción poda agromar no escritor. Tes a ferramenta da lingua, das palabras. A funcionalidade é tan diferente que non sei se son linguaxes xemelgas ou ás veces ata bastardas [risas].

-¿E esa segunda novela?

-É un tema distinto, un relato totalmente diferente, pero tamén trato de aportar cousas novas e unha estrutura non convencional. Esta empeceina xa mentres a outra estaba no caixón.