Xulio Pardo de Neyra escribe a primeira achega á presenza da pornografía na literatura galega

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ALBERTO LÓPEZ

O escritor e profesor universitario considera que a pornografía ten o obxectivo de «incitar e excitar» sendo unha «copia do que se produce, sen eufemismos nin cortapisas»

31 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e profesor universitario Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) é autor da primeira novela pornográfica galega, Intensa e quente é a túa humidade azul, publicada por Positivas, selo que vén de editar unha achega ao xénero dende un punto de vista ensaístico e académico: Literatura galega e pornografía. Pardo de Neyra comeza por analizar as semellanzas e diferenzas entre erotismo e pornografía. Mentres o primeiro concepto está asociado á elegancia, «suxire e non mostra», o pornográfico asóciase «ao baixo, o soez». Porén, segundo o autor, a pornografía non é máis que «imaxes de sexo entre persoas, polo que non ten porque ter ningún compoñente de inaceptación social». Na súa opinión, a pornografía ten o obxectivo de «incitar e excitar» sendo unha «copia do que se produce, sen eufemismos nin cortapisas».

Xulio Pardo de Neyra dedica un capítulo do seu libro á Idade Media, un período áureo, na súa opinión. «A cultura galega no Medievo é unha cultura adulta, hábil en todas as ordes, e sen estar suxeita aos desexos de ningunha outra cultura, cunha liberdade absoluta». Para este estudoso, o galego é o vehículo normal da cultura, e iso inclúe tamén as referencias sexuais, algo que sofre especialmente baixo o influxo da cultura castelá, que considera «moi castrante e politicamente correcta».

O sexo, o erotismo e a pornografía foron obxecto de recuperación por parte de autores vangardistas de comezos do século XX, como Evaristo Correa Calderón, a quen Pardo de Neyra considera «o autor máis internacional da literatura galega» e tamén un dos máis descoñecidos. Correa Calderón escribiu textos pornográficos en castelán, pero cando decidiu traducilos ao galego toda esa carga que tiñan en castelán quedou fóra. A partir da década dos 90 -«antes non se podía falar de certas cousas»- o sexo volveu ter unha presenza maior na literatura, principalmente en poesía a través do erotismo.

A novela pornográfica de Pardo de Neyra tivo unha boa acollida. Tanto, que está a piques de saír a segunda edición, impulsada por un público lector no que conta máis mulleres, «que len máis, son máis abertas e teñen menos prexuízos». Isto apunta tamén que fronte a unha industria pornográfica feita por homes para homes, tamén as mulleres están empezando a propoñer outro modelo de pornografía.