
A investigación do artista e humorista vén de editarse nos Cadernos Ramón Piñeiro
23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.«Xa o farás». Foi a frase que Celestino Fernández de la Vega lle espetou a un Siro López de 29 anos que non deixaba de insistirlle en que escribira un libro sobre o por que. Sobre por que o Quixote era a primeira aparición do humorismo na literatura universal, a tese que mantiña Fernández de la Vega no seu O segredo do humor. «Ese libro telo que facer ti». E Siro fixo. Fixo durante corenta anos. Fixo 560 folios que prologados por Ramón López Vázquez, encadernados e baixo o nome de Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo se presentaron onte como o número 36 dos Cadernos Ramón Piñeiro. Fixo a primeira investigación que peneira nese xeito innovador, nese novo xénero, nesa forma de humor que non é comicidade porque non arrinca unha gargallada sen máis. Que tampouco é sátira, porque non fai rir a conta de ninguén. Que tampouco é simple ironía. Que é un novo xeito de humor que se dirixe «a un mesmo tempo á intelixencia e ao sentimento». Que provoca «sorpresa e emoción». Que non fai rir. Pero si sorrir con ese sorriso comprensivo e solidario cos protagonistas da historia que se está a contar.
Miles de palabras en ducias de linguas se teñen escrito sobre se as aventuras de Sancho e Quixote son a primeira novela moderna ou se só abriron camiño para a novela moderna. Poucas, moi poucas, se teñen amoreado sobre o nacemento do humorismo na obra de Cervantes. Os primeiros foron os románticos ingleses e alemáns. Despois chegou Luigi Pirandello, que insistiu no seu ensaio O humorismo en que Cervantes era pai dese humor. Wenceslao Fernández Flórez no seu discurso de ingreso na Real Academia, puxo voz a unha verdade incontestable: que o humorismo nace no Quixote e que os únicos humoristas auténticos que hai en España son galegos, «polo que deduzo que os galegos estamos especialmente dotados para exercer o humorismo».
E xorde a pregunta. ¿Cervantes é galego? E contesta Siro. É. Ou polo menos apelidarse Cervantes e Saavedra fai pensar que os seus devanceiros eran galegos. «O humorismo é a proba que poderiamos usar para dicir que era galego». Un home galego que naceu en Alcalá de Henares.
Así que Siro López, membro do selecto clube que nomeou Fernández Flórez naquel discurso, fixo o que lle encomendaba aquel «xa o farás» de Fernández de la Vega: explicar, por primeira vez, como e por que Cervantes escribiu o Quixote como obra humorística. «Estou completamente seguro de que Cervantes necesita escribir o Quixote en clave humorística pola súa biografía terrible». Teñen que ver tamén as circunstancias sociais e históricas que condicionan a vida e «sobre todo as crenzas de Cervantes», un humanista cristián «ao xeito de Erasmo de Róterdam». O Erasmo que, gran satirista e polo oposto de Cervantes, influíu nel co Eloxio da loucura. A mesma loucura do Quixote que Nabokov non quixo, ou non foi quen, de entender. Non era galego. Tampouco humorista.