Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Catro expertos á procura do enigma dos mouros e das mouras

Benigno Lázare

SANTIAGO CIUDAD

04 oct 2012 . Actualizado a las 22:12 h.

Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, é o explicativo título das quintas Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que se celebrarán os días 19 e 20 próximos no salón de actos da Deputación, organizadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Catro expertos falarán destes personaxes aos que se lles atribúe non so todo tipo de actuacións fora do normal, senón tamén moitas obras públicas. Polo menos esa foi a opinión expresada na presentación no pazo de San Marcos a cargo dos escritores Isidro Novo e Antonio Reigosa, e do deputado de Cultura, Mario Outeiro.Con anterioridade as xornadas estiveron dedicadas ao demo, á morte, ao lobo e ás lendas urbanas.Reigosa lembrou que mouro non é sinónimo de moro, senón que están nas nosas orixes e débenselles moitas actuacións. «Logo viñeron os romanos, que tamén fixeron cousiñas», dixo. Diferenciou entre mouro e moura, no só polo xénero senón polo tipo de actuacións. Aos primeiros débense pontes, mámoas castros e outras obras de imprecisa orixe. As mouras tiñan poderes relacionados co tempo e con outros asuntos máis domésticos.Pola súa banda, Isidro Novo detallou o programa, para o que está solicitada a Consellería de Educación a homologación por dez horas. O día 19, dende as cinco da tarde intervirán Rafael Quintía, sobre Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos, e Alexandre Parafita, que falará de Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades. Rematará a xornada cunha mesa redonda.O día 20, desde ás dez da mañá, Mar Linares disertará sobre Mouras e mulleres: as imaxes femininas na mitoloxía popular galega, e Jesús Suárez López, sobre Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano. A sesión matinal rematará coa segunda mesa redonda, e pola tarde, as conclusións, que despois serán editadas.