A Muralla de Lugo converterase nun miradoiro de aves para dar a benvida aos cirrios

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Este venres haberá numerosas actividades na construción romana para festexar o Día Mundial das Aves

22 may 2013 . Actualizado a las 21:51 h.

A Muralla de Lugo converterase por un día nun miradoiro de aves para dar a benvida simbólica á colonia de cirrios máis importante de Galicia, a que habita nesta construción romana e que chega a finais de abril para quedar tres meses. Este acto está organizado polo colectivo cidadán Muralla Viva (formado por entidades como A Cova da Terra e Adega, Aenda/Avafes e coa colaboración de Luz Darriba, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Xan...) para festexar por primeira vez en Lugo o Día Mundial das Aves. A cita será este venres durante toda a xornada.

O obxectivo é dar a coñecer esta especie, o cirrio, e chamar a atención sobre a necesidade de formar redes municipais para protexer as aves migratorias e os seus hábitats. Tamén reivindican o mantemento sostible da Muralla coa eliminación do emprego de pesticidas químicos nos labores de control da vexetación.

Luz Darriba presentará e dirixirá a elaboración colectiva da súa acción artística efémera «Mans para as Aves Migratorias». Con teas (luvas), os voluntarios simularán, sobre os xardíns exteriores da Muralla, o voo das aves que cruzan os mares. A actividade comezará ás 10.00 horas na Porta de San Pedro e irá dando a volta ao monumento cara a Porta da Catedral. A obra permanecerá só ao longo do venres. Ás 17.30 horas haberá un obradoiro de papaventos para nenos na Praza Maior, mentres que ás 20.00, partindo da subida á Muralla fronte á Catedral, a Sociedade Galega de Ornitoloxía guiará un roteiro de avistamento de aves dende a Muralla. Por último, convídase á cidadanía á ciberacción, subindo este venres fotos de aves ou as súas fotos xunto coas actividades ás redes sociais, ou engadindo un comentario a prol da valorización das aves, os seus hábitats e o entorno natural.