
O grupo gravou o traballo con 5.700 euros recadados por «crowdfunding»
24 jun 2014 . Actualizado a las 07:02 h.Clave de Fado presentará no Círculo das Artes de Lugo o vindeiro xoves, 26 de xuño, ás 20.30 horas, o seu primeiro disco, que leva por título Xanelas. O grupo lucense, especializado en música galega e portuguesa, formouse no 2009 para versionar fados, pero empezou «a rodar con forza» no 2011 debido «á boa acollida da xente», como destaca a súa vocalista, Iria Estévez. Tres anos máis tarde estréase no mercado discográfico logo dunha intensa campaña para recadar fondos en Internet a través de crowdfunding, é dicir, «micromecenado».
«Falábamos de facer un disco que soase ben. Somos un grupo pequeno, pero a xente foinos animando porque lles gustaba a nosa música. Tiñamos nas mans a oportunidade de facelo, pero non tiñamos cartos. O noso é música independente, non hai ningunha multinacional nin ninguén detrás. Era un esforzo moi grande, así que decidimos iniciar unha campaña de crowdfundig pedindo 5.000 euros», explica a intérprete. «A resposta foi moi boa e nos corenta días que a tivemos aberta chegamos aos 5.700 euros, que foron íntegros para a gravación. Nós tivemos que poñer algo máis», comenta, antes de subliñar que noutros países europeos as pequenas doazóns para financiar iniciativas culturais «están á orde do día». «E en Cataluña están bastante normalizadas». Logo comenta que ese nivel de apoio do público deulles «máis responsabilidade» por preparar un bo disco. «A ninguén lle sobra a pasta», recoñece.
Ademais de Iria, forman parte da banda os músicos Pepe Piña (viola caipira), Gonzalo Piña (guitarra clásica) e Paco Dicenta (contrabaixo), que ten tocado, entre outros, con Berrogüeto, e que foi o último en incorporarse a Clave de Fado, e a quen Estévez define como «un referente». «Eu son de Lugo, e os Piña non son de aquí pero viviron tempo aquí, polo que se hai un sitio que nos une, ese é Lugo», sorrí a cantante.
Entre abril e maio compaxinaron a campaña de crowdfunding coa gravación do disco no estudo Son Natural. As pezas foron masterizadas por Fran Gude, produtor e especialista en son, e que ten colaborado, entre outros, con Radio Tarifa, Miguel Poveda e mesmo con David Bisbal.
Colaboración de Uxía Senlle
En Xanelas tamén se pode escoitar a voz de Uxía Senlle. Ademais participan profesionais como o músico David Ouromuro e o compositor e «arreglista» Isaac Garabatos, que ten traballado para o Centro Coreográfico Galego.
crónica música galega e portuguesa
«Ademais de que che achega os cartos que necesitas, co ?crowdfunding? daste conta do apoio real que tes, de como xente que non coñeces aposta por ti»
Iria Estévez