A Xunta cataloga 34 fortalezas que ou xa non existen ou están en completo abandono
10 mar 2015 . Actualizado a las 15:47 h.A reforma de Pambre, que na primeira fase custa case dous millóns de euros, trae á luz a situación na que se atopan outros monumentos da provincia que están catalogados pola Xunta como Ben de Interese Cultural (BIC). Dos 166 bens baixo protección, o historiador Xabier Moure atopou ata 34 castelos e torres que non corren a boa sorte de Pambre, xa que ou xa están desaparecidos ou en ruína total.
«Chocoume ver relacionados monumentos e sitios arqueolóxicos dos que só quedan ruínas, mesmo inexistentes na actualidade, feito, coido, que se debera de corrixir», sinala Moure, aínda que puntualiza: «Non quero dicir con isto que moitos dos lugares onde se atopaban teñan que quedar fóra do catálogo xa que no futuro poden levarse a cabo actuacións que desvelen información que hoxe en día descoñecemos, sen minusvalorar a paraxe onde estaban encravados». Moure, no seu blog http://onosopatrimonio.blogspot.com.es, relata o estado no que se atopan os 34 castelos.
- Castelo de Castromaior (Abadín): Nun promontorio rochoso, só se conservan algunhas pedras esparexidas polo lugar.
- Torre Nova (Antas): Quedan algunhas pedras que puideron formar parte da cimentación.
- Torre Vella (Antas de Ulla): Levantábase no monte Farelo. Só quedan algunhas pedras.
- Torre de Vilasante (Antas): Non existen restos nin arqueolóxicos nin escritos sobre a súa existencia.
- Torre de Neira (Baralla): Non existen datos nin arqueolóxicos nin escritos da súa existencia.
- Torre de Caramasa ou Camarasa (Begonte): Destruída por un incendio, non quedan restos.
- Torre de Grixoa (Carballedo): Só se conservan restos.
- Torre de San Román (Carballedo): Destruída polos Irmandiños, apenas se conservan restos.
- Torre de Seivane (Castro de Rei): Documentada no século XVI. Só se conserva un escudo colocado nunha casa particular. No catálogo de Patrimonio figura como Torre de Leivane.
- Torre de Abaixo e Torre de Arriba (Castroverde): Apenas quedan vestixios.
- Castelo de Frades (Cervantes): É o nome dunha aldea do concello. Non existen datos nin arqueolóxicos nin escritos sobre a súa existencia.
- Torre de Arcos (Chantada): Orixinaria do século XII, foi destruída polos Irmandiños. Totalmente arruinada.
- Torre do Pacio (Chantada): Os últimos restos desapareceron a comezos do séculos XX.
- Torre de Pereira (Chantada): Os derradeiros restos desapareceron hai máis de cen anos.
- Torre de Vilar de Eiriz (Chantada): Non quedan restos.
- Torre de Vilaúxe (Chantada): Edificada sobre un outeiro rochoso. Non quedan restos, só se conserva o topónimo.
- Castelo de Caldaloba (Cospeito): Nel resistiu a filla de Pardo de Cela. En ruínas e comido pola matogueira.
- Torre de Momán (Cospeito): Pouco se sabe sobre a súa orixe. Crese que foi destruída polos Irmandiños. Non quedan restos.
- Castelo de Burón (A Fonsagrada): Das varias torres que tiña, só se conserva unha en ruína.
- Castelo da Frouxeira (Foz): A Xunta sitúao no concello de Alfoz, cando queda no de Foz, na parroquia de Santa Cilla do Valadouro. Ademais dalgunhas pedras esparexidas polo promontorio rochoso, só se conservan as marcas nas penedas graníticas onde se levantaba o castelo.
- Castelo de Besgo ou de San Fiz do Ermo (Guntín de Pallares): Disque foi dos Templarios. Sen restos.
- Torre de Francos (Guntín de Pallares): Coñecida como Mirapeixe. Totalmente arruinada.
- Torre de Santa Euxea (Guntín): Destruída polos Irmandiños, non se conservan restos. Disque moitas pedras foron reutilizadas para construír a igrexa.
- Torre de Riazón (Lugo): En Ombreiro. Só conserva un muro.
- Castelo da Toxiza (Mondoñedo): Non existen restos nin arqueolóxicos nin escritos sobre a súa existencia.
- Torre do Gorrete (Mondoñedo): En ruínas.
- Torre de Bidouredo (Monterroso): Orixinaria do século XII. As súas pedras foron reutilizadas noutras construcións. Non se conservan restos.
- Torre de Fente (Monterroso): Pertenceu ao conde de Monterrei e despois ao duque de Alba. Totalmente arruinada.
- Torre de Muras (Muras): Non se conservan restos. As súas pedras foron reutilizadas noutras construcións.
- Torre da Barreira (O Páramo): De finais do XV. Só permanece en pé parte dun muro.
- Torrenovaes (Quiroga): Figura dúas veces, unha como Castelo de Torrenovaes e outra como Castelo de Sequeiros.
- Torre de Vilar (Sarria): Desaparecida no XVIII. Non se conservan restos.
- Torre de Codesido (Vilalba): A mediados do XX derrubáronse dependencias do conxunto, entre elas a torre medieval que quedou nas cimentacións.
- Torre de Roupar (Xermade): Derrubada cando a revolución de Riego no 1823. Apenas quedan restos.