Leccións de Castelao en Vilalba

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

De esquerda a dereita, o director da oficuina de Abanca en Vilalba, Manuel Maseda; a coordinadora institucional de Abanca en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o coordinador de Abanca en Lugo, Óscar Rodríguez
De esquerda a dereita, o director da oficuina de Abanca en Vilalba, Manuel Maseda; a coordinadora institucional de Abanca en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o coordinador de Abanca en Lugo, Óscar Rodríguez PALACIOS

Afundación, Abanca e o Concello espallan a obra do artista e político rianxeiro cunha exposición instalada na Casa da Cultura

01 may 2024 . Actualizado a las 20:35 h.

Hai un Castelao artista, igual que hai un Castelao escritor e un Castelao político. Ningunha desas tres partes é allea ás outras, pero a primeira pódese ver —e analizar tamén, se o espectador o desexa— de preto en Vilalba. Na Casa da Cultura inaugurouse este martes a exposición «Castelao grafista (facsímile)», que inclúe en total 45 obras.

A técnica é variada —por exemplo, hai acuarelas, tintas e plumiñas, todas sobre papel—, como tamén é diversa a orixe das obras: hainas que pertencen ao Museo de Pontevedra, outras pertencen ao Museo do Pobo Galego, outras son da Colección Afundación e non faltan as procedentes da colección de Teresa Rodríguez Castelao, irmá do artista.

Entre as obras que se expoñen non faltan títulos coñecidos como «A derradeira lección do mestre». Outros, se cadra con menos sona para algúns espectadores, non deixan de lanzar mensaxes xa dende o nome que lles puxo o autor: obras como «A escola é boa», «Se fose rico queríasme máis» ou «Os mártires serán santos» vencellan claramente o contido co título. O Castelao de Rianxo, da marxe dereita da ría de Arousa, tamén se coa na exposición, pois unha das obras chámase Vento mareiro.

Que a exposición se teña inaugurado fóra do circuíto das grandes cidades pode xerar algo de sorpresa, pero ese é precisamente un dos obxectivos. Afundación e Abanca, coa colaboración do Concello de Vilalba neste caso, tentan que as manifestacións culturais non queden reducidas ás principais cidades nin tampouco a vilas dun tamaño medio como pode ser a capital da Terra Chá.

Varias das obras que se expoñen en Vilalba estes días
Varias das obras que se expoñen en Vilalba estes días PALACIOS

A coordinadora institucional de Afundación en Lugo e en Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano, explicou este martes que iso era o que se tentaba: «Sacar a arte, as nosas obras, das sede de Afundación e espallalas por Galicia», resumiu. Para a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, que a exposición se teña instalado no concello «é unha honra».

Intérprete do seu pobo

A exposición supón un longo percorrido pola obra artística de Castelao, xa que tamén ese labor seu se desenvolveu durante décadas. Nos anos vinte comezou a súa publicación en distintos medios, e logo irían aparecendo álbumes coma Cousas da vida ou, xa na Guerra Civil, Galicia mártir. Na mostra, por outra banda, pódese descubrir tamén cales eran as reflexións de Castelao sobre o seu labor artístico: «Co lapis ou coa pluma só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas mágoas e das súas esperanzas», escribe nun texto que fai parte da instalación.

Quen o desexe pode darlle un complemento á visita, pois recóllense alimentos non perecedoiros dentro da iniciativa Cultura por alimentos, que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal).