Patrocinado porPatrocinado por

Tomás Fajardo: «Se soubera que con irme se acabarían os problemas, sacaríame do medio»

E. A. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

SANDRA ALONSO

O presidente da Federación Galega de Confrarías fixo unha chamada á unión para afrontar un momento difícil para o sector

14 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fronte aos que xa lle chaman «señor Loctite», Fajardo replica que non é apego ao cargo o que lle move: «Se soubera que con irme eu se solucionarían os problemas, gustosamente me sacaría do medio». Pero está convencido de que non é así. Que as críticas á súa xestión veñen do momento conxuntural, moi difícil para o sector, e por axentes interesados en facer ver que el se move por motivos políticos.

-¿Haille que dar parabéns?

-Estes procesos non son agradables e o feito de que unha federación provincial solicite a dimisión, non é como para recibir parabéns. Pero ante esa petición, eu decidín someterme voluntariamente a unha cuestión de confianza, que non está recollida nos estatutos, que só prevén a moción de censura, pero dándolle as condicións de esta: é dicir, que pediran a dimisión 3/5 do censo. Como non se acadou, considero que superei o proceso e sigo no cargo.

-De todos os xeitos é importante o número de xente que non o apoia e aposta pola súa saída.

-Non hai que ler os resultados como se foran unhas eleccións. Cando se quere botar ao presidente da federación se require unha maioría cualificada e non se deu. Tampouco foi unha hecatombe.

-¿Este proceso vai traer consigo un cambio no xeito de presidir a federación?

-Hai que reflexionar sobre o acontecido e quizá reconducir a situación e facer un chamamento á unidade, en vez de buscar a división, para defender os intereses xerais do sector. Temos que ir unidos e con unha sola voz. Tamén é certo que o momento conxuntural non é fácil.

-Vostede mesmo admitiu que cometeu erros.

-Recoñézoo e xa pedín desculpas por ese acordo que decidín pospoñer. Pero tampouco o fixen tan estrepitosamente mal. Hai circunstancias que xogan na miña contra.

-¿Por exemplo?

-A crise do cerco, quizais non estiven á altura, como din; a lei de acuicultura, que a federación sempre rexeitou... Detrás de todo isto está o momento político e hai axentes interesados en presentarme como inclinado hacia un partido político e enfocar a miña xestión dende aí. Tampouco explicaron detalladamente por que se pedía a miña dimisión, como se ten que facer nunha moción de censura.

-¿Cre que vai ser fácil traballar a partir de agora?

-Non vai ser fácil, entendo, pero xa dixen que non ía dimitir. Vou seguir no cargo, loitando polo ben do sector e facelo o mellor posible. Empecei con ilusión e sígoa mantendo, aínda que situacións coma estas supoñen un bache no camiño. Imos intentar unir e unificar, porque o sector está nun momento no que non pode permitirse as divisións.