Javier Franco, director de Márketing Empresas de R: «A dixitalización é un elemento que diferencia ás empresas»

MERCADOS

La Voz

Na adaptación da tecnoloxía aos procesos de negocio de cada empresa reside parte do éxito da transformación dixital que afrontan as pemes. Os custos xa non son escusa para apostar por unha revolución da que xa forma parte a intelixencia artificial. Para atender as ameazas, R ofrece servizos de ciberseguridade

10 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A dixitalización preséntase como unha ferramenta clave para estimular a competitividade da economía galega. O grao de madurez, no caso das pemes, aínda é baixo. «Hai que entender que esta transformación é un proceso continuo», apunta Javier Franco, director de Márketing Empresas de R.

Fálase moito da importancia de apostar pola dixitalización, pero que beneficios xera?

—As empresas evolucionan de acordo ao que o mercado lles vai marcando. As que non chegaron a ese nivel, obviamente, saen do mercado ou están sufrindo moito. As empresas teñen que pasar do mundo analóxico ao dixital, teñen que apoiarse nas tecnoloxías para facer que os seus procesos de negocio sexan máis eficientes en termos de uso dos recursos humanos e materiais, do tempo que se tarda en prestar os servizos aos seus clientes e da calidade coa que fan este tipo de cousas. Así aparecen efectos da dixitalización que igual son imprevisibles ao principio, pero que cada vez van toman máis importancia.

Que impide que algunhas pemes avancen ao ritmo desexado?

—Ás empresas cústalles avanzar en dixitalización por varios factores. Primeiro, un podería pensar que a tecnoloxía é cara, polo tanto aí hai unha dificultade. Pero, realmente, é cada vez máis accesible. De feito, temos unha experiencia moi interesante co Kit Dixital, unha iniciativa do Goberno con fondos da Unión Europea que pon tecnoloxía de maneira gratuíta a disposición das pemes. Aí vimos que a adaptación desa tecnoloxía non foi tan intensa. E iso é porque cada empresa ten que adaptar a súa tecnoloxía aos seus procesos de negocio. A dixitalización é un elemento que diferencia ás empresas. É dicir, hai que particularizar, coller unha tecnoloxía e pensar na implementación concreta para esa empresa e iso require que as persoas que coñecen ese negocio teñan que dedicar un tempo a definir como se vai facer esa implementación. Ese investimento en esforzo teñen que estar dispostos a asumilo e teñen que compatibilizalo cun día a día competitivo no que todos pelexamos por saír adiante. Ese, para min, é un reto importante. E ademais non é que a empresa se dixitalice e iso remate. Suceden cousas, a tecnoloxía evoluciona e, polo tanto, permítenos facer cousas novas e temos que volver a pensar como cambiamos os procesos para aproveitar esas tecnoloxías e eses efectos beneficioso.

Mantén que a tecnoloxía é máis accesible. Os custos do seu uso están xa democratizados?

—As tecnoloxías cando nacen son caras, empezan a utilizalas as grandes empresas, as que se poden permitirse iso. Pero, pouco a pouco, van baixando os custos de personalización e adaptación e ese é o proceso de democratización. Xa se está baixando no tamaño das empresas e cada vez se van adaptando as máis pequenas.

Como encaixa a revolución da Intelixencia Artificial nesta transformación?

—Dixitalizamos un proceso para facelo máis eficiente. O efecto secundario é como esa tecnoloxía que da soporte a ese proceso e é capaz de darme datos estruturados sobre o que está sucedendo na miña empresa, no proceso de vendas ou no de atención ao cliente. Eses datos podo convertelos en información que a min me permitirá tomar mellores decisións de negocio. A primeira etapa é almacenar eses datos, a segunda presentalos dunha maneira visual para que a persoa que decide os entenda e, na terceira, aparece a IA. Analizar eses datos para atopar patróns que están agochados require que apliquemos algoritmos que son capaces de tratalos e obter eses patróns que o ollo humano non pode atopar. No seguinte paso, vemos como os datos reflicten o que sucedeu, pero diso podemos aprender para predicir o que vai pasar. E iso é capaz de facelo a máquina, son modelos predictivos que se constrúen a partir dos datos, grazas á dixitalización. Hai outro ámbito que agora está cobrando moito valor que é o modelo da IA xenerativa. É o ChatGPT e o cambio de paradigma é apaixonante porque con esa IA calquera pode falar porque utiliza o noso idioma. Estamos nun momento fabuloso no que as empresas teñen que traballar no seu uso.

No momento actual tamén atopamos ameazas e perigos. Como se combaten?

—Todos estamos bastante congoxosos con isto. Vemos algo que non entendemos e que ten boa pinta, pero nas empresas tamén temos a preocupación de saber que, se non a aplicamos ben e a nosa competencia si, podemos poñernos nunha situación difícil no mercado. Por iso, vexo os perigos da dixitalización dende o punto de vista de que nos fai vulnerables. Se o noso negocio se sustenta nunha dixitalización cada vez máis intensiva, cando as tecnoloxías fallen, os nosos negocios pararán, esa é a vulnerabilidade. É importante que as empresas analicen os riscos. Aí fóra hai unha auténtica industria criminal que o que intenta é roubarnos e buscar a maneira de aproveitarse da nosa tecnoloxía para extorsionarnos ou roubar información. Agora as empresas teñen que dar o paso e entender que isto custa diñeiro. O mellor que pode pasar é que non se note que tes medidas de ciberseguridade porque o valor aparece cando tes un incidente que lle afecta ao teu negocio. En resumo, teño que estar dedicando recursos a estar protexido no ámbito da ciberseguridade porque se non o fago a miña empresa corre perigo de morte. Pode soar esaxerado, pero hai estatísticas que indican que as pemes que sofren un incidente de ciberseguridade teñen unha letalidade moi alta, non duran moito tempo. En R contamos con Scudo, un servizo de ciberseguridade integral que inclúe as mellores ferramentas de protección nos elementos críticos avaladas polo Centro Criptológico Nacional. Buscamos un equilibrio entre as ameazas das contornas dixitais e as medidas de ciberseguridade.

Que outros servizos ofrece R ás empresas?

— Nós traballamos moito en que o proceso de democratización se leve a efecto, conseguir levar ás empresas máis pequenas tecnoloxías que en principio empezan nas máis grandes. A principal infraestrutura para que unha empresa poida construír a súa dixitalización precisa comunicacións. E nós fixemos un esforzo enorme en estender a fibra óptica, das mellores prestacións, que chega á maioría das pemes galegas. Por outro lado, no campo da rede móbil seguimos investindo e avanzando en ter as mellores capacidades. Temos as capacidades de 5G, pero a min tamén me gusta salientar que temos a mellor cobertura móbil do mercado, a nivel de toda España. E ademais, cando deseñamos as nosas propostas de solucións para pemes recoñecemos as vulnerabilidades, por iso, na nosa proposta base de comunicación buscamos asegurar ou minimizar o risco. E incorporamos, a esa proposta base de pemes, ferramentas de ciberseguridade que poñemos á súa disposición para que as utilicen e ademais contan cun experto dixital que axuda a implementalas. Ademais, buscando esa parte da IA xenerativa, incluímos as ferramentas de Microsoft que están incorporando progresivamente este tipo de IA para que as empresas poidan empezar a buscar casos de uso. E temos unha proposta de servizos cloud para que as pemes despreguen as súas aplicacións.