Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920) finou tras levar ingresado no hospital San Rafael da Coruña dende o pasado 22 de decembro afectado por unha neumonía.
05 ene 2012 . Actualizado a las 22:07 h.Galicia perdeu hoxe a un dos intelectuais galeguistas da época actual. Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920) finou tras levar ingresado no hospital San Rafael da Coruña dende o pasado 22 de decembro afectado por unha neumonía.
A súa capela ardente quedou instalada no tanatorio de Servisa en A Coruña e será soterrado mañá pola tarde no cemiterio santiagués de Boisaca.
O columnista de La Voz de Galicia ata o ano 2009 co seu espazo Crónicas inconformistas, tivo unha educación marcada polo contacto cos máis importantes intelectuais galeguistas do momento, como Castelao ou Cabanillas, reunidos no obradoiro do seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño. O seu compromiso con Galicia iníciase en 1936, cando participa activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía.
Entre 1939 e 1942 estudou Belas Artes na Escola de San Fernando, en Madrid, participando nunha experiencia pioneira sobre deseño industrial. Tras rematar os seus estudos, pasou a ter unha praza de profesor na Real Academia de Belas Artes de San Jorge de Barcelona. Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría en 1948, para entregarse por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que visaba, por un lado, a modernización e internalización da cultura galega e, por outro, a rexeneración da desartellada historia de Galicia.
Abandonou as artes plásticas para adicarse á cerámica e fundar con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro en Sada (onde o nomearían fillo predilecto), ensaiando con materias primas usadas nas primitivas cerámicas de Sargadelos e conseguindo cerámica de gran calidade.
A inxente actividade rexeneradora promovida por Isaac Díaz Pardo atinxe todo tipo de actos e iniciativas en que se plasma a súa idea, afastada das visión folcloristas, dunha nación galega proxectada cara o futuro. No campo literario, o labor do galeguista non se limitou a soster unha plataforma editorial: el mesmo cultivaría varios xéneros, desde o teatro, a crítica e o ensaio ou os carteis de cego, alén dunha continuada presenza nos medios xornalisticos coma La Voz de Galicia.
Abandonou as artes plásticas para adicarse á cerámica e fundar con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro en Sada
En 1963, constituíu en Arxentina, xunto con outros destacados galeguistas, como Luis Seoane, o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades industriais e culturais como a restauración da produción de cerámica de Sargadelos, en colaboración coas Cerámicas do Castro, el Museo Carlos Maside, a editorial Ediciós do Castro.
Díaz Pardo tamén cultivou o ensaio e a crítica, producción entre a que habería que destacar os libros: Xente do meu rueiro (Bos Aires, 1954), O ángulo de pedra (Bos Aires), El ceramista Arranz y su escuela (A Coruña, 1960), Galicia Hoy, en colaboración con Luis Seoane (París, 1965), A Nave espacial, en colaboración con Celso Emilio Ferreiro (A Coruña 1970), El Marqués de Sargadelos (A Coruña, 1970), Castelao (A Coruña 1985), Galicia hoy y el resto del mundo (A Coruña, 1987).
A dilatada traxectoria recibiu innumerables distincións e recoñecementos. No ano 1999 recibiu o Premio Santiago Rey Fernández-Latorre na súa modalidade de prensa escrita, polo seu artigo «Lucubrar sobre o futuro para entender algo do presente» e pola súa longa traxectoria intelectual e creadora.
Tamén recibiu outro recoñecemento como: o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidades de Santiago (1988), Premio Otero Pedraio das Diputacións Provinciais (1990), Insigna de Ouro (1991), Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1992) e da Universidades da Coruña (2007), Premio Trasalba da Fundación Otero Pedraio (1993), e a Vieira de Plata do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1995) entre moitísimos outros.