«Alégrame ter sido un elemento de concordia e non de discordia»

CULTURA

M. MORALEJO

O intelectual galeguista Xosé Luís Franco Grande recibe hoxe o título de fillo predilecto de Tomiño.

14 ene 2012 . Actualizado a las 10:47 h.

Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936) anda un pouco abrumado pola homenaxe que os seus paisanos lle renderán hoxe. O escritor, avogado, intelectual galeguista, académico numerario da Real Academia Galega, Premio Nacional de Literatura e articulista en La Voz, vén de ser nomeado fillo predilecto do Concello de Tomiño. Con este acto, que se celebrará ás 12 horas no auditorio de Goián, a corporación quere subliñar a senlleira traxectoria cultural do autor nacido na parroquia de Tebra e a difusión da súa terra, ás veces presente, e sempre latente, na súa obra.

-¿Como se sente ante este recoñecemento?

-Un pouco sorprendido e preocupado porque é unha experiencia nova. O que me alegra é que sexa unha distinción da miña terra. Dáme satisfacción. Sobre todo o feito de que foi un acordo adoptado por unanimidade. Alégrame ter sido un elemento de concordia e non de discordia.

-Aínda que vive en Vigo, ¿mantén un forte vínculo co seu lugar de orixe?

-Si. Sempre tiven unha relación moi estreita. Teño casa alí e vou todo o tempo que podo. Eu vivín en Tebra ata os 30 anos e a miña relación non é só de lembranza. Teño moitos amigos e sobre todo moitos parentes.

«Mentres non cambiemos os políticos do país, o país non vai cambiar moito»

-A Tebra na que vostede creceu será moi distinta da que hoxe gozan os seus netos...

-Son mundos distintos. Nós vivimos moitas dificultades. Xogabamos con pelotas que faciamos nós. Agora as trapalladas electrónicas ocupan o tempo da xente, que ou discorre menos ou discorre doutro xeito.

-Agora xa xubilado, ¿está recuperando o tempo que lle quitaba para a creación o traballo, digamos, alimenticio?

-Iso trato. Teño varios libros que trato de sacar adiante pero hai un que me está dificultando a saída dos outros, porque é unha obra complicada. É unha formulación moderna da doutrina galeguista á luz da Unión Europea e das novas circunstancias políticas e xurídicas que se dan en Europa e que, por tanto, inflúen en nós. É federalismo aplicado á realidade galega. Son un europeísta convencido.

-No 2009 saíu o seu último libro, no que recollía a súa relación epistolar con Ramón Piñeiro...

-Si. Non se pode escribir un libro cada ano, pero eu escribo todos os días. E escribir nos xornais paréceme fundamental para unha persoa que, coma eu, non é pródiga en produción literaria. É unha maneira de dicir que un aínda segue aí.

-Opinaba vostede hai uns anos que a creación literaria estaba nun momento de vulgaridade total. ¿Mellorou a cousa?

-É que cada vez que falo diso a xente ponse enferma. A miña opinión non vai cambiar a realidade, que é a que é. Pode que sexa eu o que está trabucado e as cousas van mellor, aínda que eu non o vexo por ningures.

-Acaba de nos deixar Díaz Pardo e Paco del Riego fíxoo hai pouco mais dun ano. ¿Hai relevo desta xeración cun perfil intelectual tan elevado?

-Hoxe predominan os técnicos sobre os humanistas e iso xa se perdeu coa Xeración Nós. Pero é un cambio universal, non só de Galicia. Hoxe é imposible ter unha visión global e profunda das distintas ramas do saber. Unha cousa é estar informado, e outra, ter coñecemento real e profundo das cousas. Hai que peneirar todo moi ben para non caer en trampas.

-¿Cal é o futuro do galeguismo?

-Difícil, pero difícil é todo cando se pretende cambiar usos que son rémoras instaladas no inconsciente colectivo. Tense avanzado moito nalgúns temas e non tanto noutros. Creo que van por camiños distintos as reivindicacións intelectuais e a política, que está enormemente atrasada en Galicia, moito máis que en Cataluña ou no País Vasco. Mentres non cambiemos os políticos do país, o país non vai cambiar moito. Todo o mundo para facer algo na vida necesita formarse, pero para a política non fai falta nada. Estamos en mans de xente totalmente inútil.

-¿Como se leva coas novas tecnoloxías?

-Manéxome ben cos ordenadores hai moitos anos pero o que non me interesan en absoluto son as redes sociais. Estou en Facebook, pero é cousa dunha das miñas fillas. Non tuiteo, aínda que ao mellor un día dáme por aí. Son moi consciente do importante que é, pero eu utilizo o que me interesa máis.

-¿Como ve a marcha da Academia Galega na actualidade?

-Hai moito que non vou pola Academia. Non me fai moita ilusión. Estou un pouco á marxe de todo iso. Tanto me dá estar dentro que estar fóra. Hai xente que está matándose por entrar, non sei para qué. Déixolles o meu posto na RAG cando queiran. Estaba máis a gusto nos tempos de Paco del Riego, nos que había máis cordialidade e sentido de comunidade. E non estou criticando nada de agora. Só é que eu antes sentíame máis a gusto na Academia.