«López Abente, como Manuel Antonio, era un poeta do mar»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

20 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Gonzalo López Abente (1878-1963) escribiu un longo poemario, Bretemada, entre 1917 e 1922, pero os lectores tiveron que agardar ata o ano pasado para coñecer o contido deste libro inédito. A súa publicación por Alvarellos constitúe un «acontecemento literario de altísima importancia», segundo Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia, onde se presenta hoxe (20.00 horas) o volume, con introdución, estudo e notas a cargo de Miro Villar.

-Vostede xa escolmara en 1995 unha antoloxía de López Abente. ¿Que engade Bretemada ao conxunto da súa obra?

-Complementa perfectamente a súa variedade temática. Trátase dunha obra cunha visión máis política e, ao mesmo tempo, máis histórica do feito galego. Na presentación en Muxía, Ferrín dixo que era un libro de poemas fondamente nacionalista. No tempo en que o escribiu López Abente participaba nas Irmandades da Fala, que entón abandonaban o culturalismo para configurarse como opción política. O que non cheguei a dilucidar aínda é a razón pola que permaneceu inédito, quizais porque no 23 empezou a ditadura de Primo de Rivera, aínda que segundo Ferrín iso non foi óbice para que se realizasen importantes iniciativas culturais.

-¿O uso dos mitos en «Bretemada» vincula a Abente con Pondal alén do seu parentesco?

-É certo que hai un vencello, non só de parentesco familiar, aínda que sen quitar iso que di, neste libro máis que a pegada pondaliana está a de Ramón Cabanillas e Na noite estrelecida. Pero non era algo exclusivo de López Abente, senón que estaba no ambiente poético no que se movía, formaba parte do humus.

-Ferrín destaca o emprego a fala da súa terra, a Costa da Morte, que eleva de variantes dialectais a «lingua de ouro».

-O mar está presente na súa obra. Sempre que se fala de poesía e mar se pensa en Manuel Antonio, pero tamén está presente na de López Abente, que tamén era un poeta do mar, só que dende unha perspectiva distinta. Manuel Antonio víao como mariño mercante, mentres que Abente está máis próximo á xente do traballo no mar e iso nótase no léxico. O propio Risco, en Nós, chamouno o poeta do mar.

-Dedicóuselle o Día das Letras do ano 1971, pero aínda hai moito que pescudar nel.

-Penso que o Día das Letras non debe ser un punto final, senón un punto e seguido. Abente tivo a desvantaxe de que foi homenaxeado cando os estudos literarios en galego non estaban tan desenvolvidos. Gustaríame que hoxe se estudase con máis profundidade porque seguro que o situaba noutra dimensión.

«Gustaríame que hoxe se estudase a Gonzalo López Abente con máis profundidade»