Empezou a navegar polo mar da literatura cando tiña 8 anos e empezou a escribir contos. E aínda antes de saber escribir cantaba poemas inventados que seus pais recollían despois. De todos os xeitos, María Canosa levou os versos sempre agochados, baixo cuberta, ata que lle invitaron a facer uns recitais conxunto» e volveu ler aquela lírica para adultos que escribira hai anos. Nunca publicara poesía, pero presentouse ao premio Avelina Valladares, gañouno e foi así como apareceu o seu libro Ronca o mar (Fervenza). Hoxe, ás oito da tarde, presentará este poemario traducido ao castelán, Ronca el mar (Pigmalión), na librería Cascanueces da Coruña (rúa Cordelería, 10).
-¿É o seu primeiro poemario?
-Si, estaba nun caixón e non sabía moi ben cando sacalo, un pouco por certo pudor e tamén porque publicar poesía é complicado. Ademais este é o meu primeiro libro en castelán e estou moi contenta de que as editoriais aposten pola poesía, aínda que sexan pequenas como é o caso de Fervenza ou esta de Basilio Rodríguez.
-¿Quen fixo a tradución?
-Fíxena eu e custoume moito. Traducir poesía é complicado e cando é do galego ao castelán aínda máis porque non hai palabras para certas cousas, non hai sinónimos e certos matices que non son iguais pois acaban perdéndose.
-¿Todos os versos deste poemario son referidos ao mar?
-Si, falo do mar con todas as súas identidades: a parte crúa, a parte dura, a parte romántica. Ningún dos versos é igual, como as ondas que van e veñen, como o mar: uns son curtos, outros máis longos e van debuxando liñas no papel, como as ondas do mar. Paréceme que o pobre maquetador quedou un pouco farto de min.
-¿Seguirá coa poesía?
-Sempre fago un pouco de todo. Despois disto darame menos medo escribir poesía, aínda que sempre fun facendo cousas pero sen publicalas.
maría canosa escritora, autora de «ronca o mar»