Xinzo pide o Día das Letras do 2013 para Carlos Casares

Cándida Andaluz Corujo
Cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

No disponible

O concello organizará en marzo actividades para conmemorar o décimo aniversario da súa morte

10 abr 2012 . Actualizado a las 12:18 h.

Alí ten unha praza. Xusto mesmo no enclave onde un reloxo marca cara a atrás a chegada do entroido. O denominado Petardazo. E tamén dá nome a un centro educativo. Así, a figura de Carlos Casares queda firmemente ligada con Xinzo e coa Limia de por vida, tras dedicarlle boa parte do seu traballo literario. O Concello de Xinzo fíxoo fillo ilustre e predilecto da vila e agora, cando está a piques de cumprirse o décimo aniversario da súa morte (9 de marzo do 2002), organiza unha semana dedicada ao escritor e columnista de La Voz que se desenvolverá do 5 ao 9 de marzo e que estará centrada na obra do articulista.

Un encontro con claro carácter reivindicativo, xa que en Xinzo tamén queren que sirva para apoiar a declaración por parte da Xunta do 2013 como Ano Carlos Casares e que se lle dedique o Día das Letras Galegas, unha vez que xa terán pasado os dez anos do seu falecemento que se fixan como prazo mínimo na normativa da Real Academia Galega para que un autor protagonice o 17 de maio.

Aínda que queda por pechar definitivamente o programa, os actos constarán de faladoiros públicos de amigos do autor e persoeiros da cultura galega e limiá. Mesturaranse co teatro, lectura de pasaxes de libros de Casares ou exposicións temáticas que reunirán obras, fotografías e diferentes obxectos do homenaxeado.

Convocarase o premio Carlos Casares de Creación Literaria do Concello de Xinzo e paralelamente celebrarase por primeira vez a Feira do Libro Limiao, dedicado a escritores locais.