O escano baleiro, que Xulio L. Valcárcel (Lugo, 1953) vén de presentar en Betanzos, non é só o chanzo de madeira no que adoitaba descansar Uxío Novoneyra ao pé da súa casa no Courel. É o símbolo da perda da Galicia rural. «Agora, testemuño mudo doutro tempo, [ese escano] non acolle máis que o peso da sombra dos que por el pasaron», di o autor no comezo dun libro que está entre o testemuño poético e unha literatura de viaxes comprometida coa defensa do medio. «Penso que a implicación persoal nun texto, dar conta da propia vivencia -explica-, fai que o texto adquira veromilitude, veracidade e forza».
-Neste libro, repara nun Courel diferente ao que viviu Novoneyra, con especies e costumes propias en perigo de extinción ou xa desaparecidas.
-O urogalo é unha delas. Tamén os albares [cercado das colmeas para protexelas dos osos]. Son unha reliquia doutro tempo, dun Courel que xa non é o de Novoneyra, un poeta vixente que elimina todo o superfluo.
-Para enfrontarse á montaña non só vale o turismo de fin de semana, advirte...
-Si, esa é unha aproximación interesante [ri], pero insuficiente. Á montaña do Courel hai que ir espido, cos sentidos abertos. Non para impoñer a túa bagaxe cultural, senón para escoitar e recibir o que ela transmite.
-¿Naceu este libro no Courel?
-Foi por unha padriñaxe da ruta do Lor, a raíz da que botei uns días no Courel. Coñecíao de rapaz, pois meus pais vivían en Quiroga. Pero esta vez reencontreime a realidade da montaña cunha mirada completamente nova. Foime revelada.
-O libro vai de algún modo reconstruíndo a paisaxe e a vida courelá da man do seu bardo. Fala da perda e da memoria. Cara o final, sorprende o comentario que fai ao fío duns versos de Novoneyra que din «Ir co-ela / e vela como era»...
-Eses versos son un dos motivos polos que escribín o libro.
xulio l. valcárcel escritor