Rosalía, máis viva que nunca

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Galicia celebra hoxe o 175.º aniversario do nacemento da escritora

24 feb 2012 . Actualizado a las 11:44 h.

Os tempos caen, Rosalía permanece. Hoxe cúmprense 175 anos do seu nacemento e Galicia volverá ler os versos da escritora por máis que, segundo os especialistas, cada época lea a súa poesía inacabable de xeito diferente.

Os actos centrais das homenaxes á escritora terán lugar en Santiago con dos puntos de atención. O acto convocado pola Fundación Rosalía de Castro realizarase na capela do Hostal dos Reis Católicos, espazo que no ano de nacemento da poeta, 1837, era un hospital. Nese mesmo espazo, segundo as biografías, foi bautizada Rosalía de Castro e este é o motivo de que a conmemoración principal saia por primeira vez da sede da fundación en Padrón. Unha circunstancia que disgustou á veciñanza da vila por máis que a presidenta da fundación, a tamén escritora Helena Villar Janeiro, sinalou que era unha decisión relacionada co carácter especial da celebración.

Lectura e cancións sobre poemas serán o eixo central das celebracións. En primeiro lugar, no acto do Hostal, que se iniciará ás sete da tarde, pero tamén haberá lecturas e poemas no acto que se fará de xeito expandido por toda Galicia, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, e que terá como centro dos actos o Panteón de Galegos Ilustres. Nese espazo, a homenaxe de carácter participativo comezará arredor das seis da tarde. A lectura estendida realizarase nas principais cidades galegas e tamén en boa parte das vilas.

Ofrenda e recital

Un pouco máis lonxe, terá lugar outra homenaxe que tamén está relacionada coas primeiras horas de vida da escritora. Está convocada polos veciños de Conxo, ás oito menos cuarto, na Praza de Vigo, cunha ofrenda floral e un recital de Marilar Aleixandre e Anxo Angueira. O acto terá lugar no monolito que lembra a casa desa localidade na que naceu a escritora tal día coma hoxe.

Noutro sentido, o Bloque Nacionalista Galego está presentando en diversos concellos de Galicia unha moción para que o día 24 de febreiro sexa declarado como Día de Rosalía.

«Rosalía ten unha enorme vixencia»

A actualidade de Rosalía como autora queda explicada por unha das súas estudosas, Carmen Blanco: «Rosalía ten unha enorme vixencia e segue sendo imprescindible, porque a súa obra profunda pode falar para a humanidade de todos os tempos e lugares coñecidos».

Asegura Blanco que a autora de Padrón vai «máis alá das modas literarias», calificándoa de «musa inmensamente humana, aberta á diversidade da vida e que subverte as tiranías dos poderes patrios».

Para esta escritora, a permanencia da obra de Rosalía ven dada «pola súa intelixencia integral, exerce unha fortísima atracción total». Carmen Blanco cita casos dalgúns autores nos que se deixa notar especialmente a pegada rosaliana «por exemplo, especialmente, a propósito de Lorca, Pimentel, Valente ou Luz Pozo Garza».

Premio Pen

Coincidindo coa celebración deste aniversario, o Centro Pen de Galicia concede os premios que levan o nome de Rosalía de Castro para autores non galegos. Este ano os galardoados son a escritora arxentina de orixe galego María Esther Vázquez, o escritor e xornalista portugués José Viale Moutinho, o catalán Enric Casasses e a escritora basca Miren Agur Meabe.