«O PP e a Xunta dan ao galego menos apoio do que deberían»

m. cheda SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

«Son claramente partidario de que a Academia tome nota de que é imprescindible recoñecer a achega das mulleres»

26 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O sociolingüista Xosé Henrique Monteagudo (Muros, 1959) ingresou onte na Real Academia Galega como membro numerario, se ben fora elixido para o cargo hai case dous anos. Fíxoo lendo un longo, duro e moi aplaudido discurso de defensa dun idioma «ameazado».

-Do estado de saúde da lingua non fai unha diagnose moi positiva. ¿Tan mal anda a cousa?

-Atravesamos unha crise moi seria, non só polo que nos mostran os datos sobre a evolución do galego como lingua falada da poboación, senón tamén polos discursos sociais en expansión que cuestionan a lexitimidade, a conveniencia, a utilización... da normalización lingüística.

-O da imposición do galego...

-Si. O da liberdade lingüística e o da imposición, discursos que lle están facendo moito dano ao galego, minando as posibilidades de que se expanda por aqueles sectores que son o seu futuro: o sector urbano, as clases medias, a xuventude...

-Di que non hai receitas máxicas para inverter esta situación, pero algo haberá que facer, ¿non?

-Si, cousas básicas que pasan en primeiro lugar por clarificar socialmente en que consiste a normalización, sacala das tirapuxas de partidos políticos...

-Afirma tamén que o idioma precisa apoio. ¿Préstallo a Xunta?

-Home, creo que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está dando un apoio que lle toca dar. O Partido Popular no seu conxunto e a Xunta no seu conxunto, menos do que deberían dar: con mensaxes contraditorias aquí e en Madrid, buscándolle sempre a volta a calquera cousa que sexa para favorecer o galego... e incluso tomando medidas que nalgúns casos restrinxen o alcance da oficialidade da lingua.

-Tras a súa incorporación á Academia, a porcentaxe masculina de membros da corporación sobe ao 85,2 %. ¿Que ocorre?

-Creo que a Academia debera pensar niso. Son claramente partidario de que tome nota de que é imprescindible recoñecer a importantísima achega das mulleres á cultura galega. Non por promocionar ou darlle unha cota especial; simplemente, recoñecerlles ese papel.