«Longa noite de pedra» inicia as edicións bilingües de Celso Emilio

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Auga Editora publica unha versión ilustrada en galego e castelán

06 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A conmemoración de Celso Emilio Ferreiro é dobre ao longo deste ano. Dunha banda está o centenario do seu nacemento, e doutra, o 50.º aniversario do que é o seu libro máis universalmente coñecido, Longa noite de pedra.

Auga Editora e mais a Secretaría Xeral de Cultura presentaron a que será primeira das traducións deste libro que se editarán ao longo deste ano. Esta primeira edición, en galego e mais en castelán, é un libro «coidado e rigoroso» co fin de ampliar lectores para o escritor de Celanova.

Nos vindeiros meses, dúas novas edicións bilingües achegarán esta obra a outros públicos. Unha delas, galego-inglés, que se publicará dentro da colección Galician Classics da propia Xunta de Galicia. A outra compartirá galego e francés e aparecerá no catálogo de Editions L?Harmattan.

Este achegamento da obra de Celso Emilio Ferreiro a outros idiomas estará respaldado por algunhas actividades de difusión, como será a presentación do volume na Feira do Libro de Bos Aires e a doazón de exemplares para a sección de galego da biblioteca desa cidade.

Anxo Lorenzo, responsable de Cultura, sinalou este volume como «un bo exemplo da difusión» que buscan para os autores galegos, apuntando que a intención «é situalos no mercado con rigor e con calidade».

Para a responsable de Auga Editora, Mercedes Pacheco, a intención desta nova edición de Longa noite de pedra servía para «sumarse ao centenario cun libro capital da literatura galega, cunha edición á altura da importancia do libro». Pacheco sinalou tamén que a intención era «ilustrar o libro fóra dos tópicos que ás veces acompañan a esta obra, ofrecendo outra perspectiva sobre ela que sirva tamén para ampliar as lecturas posibles» dela.

A responsable das ilustración que acompañan o texto en galego e castelá é María Lires, unha ilustradora que lembrou que este traballo fora «un reto». «Ata agora só traballara para cativos e en principio pensei que non encontraría xeito de abordar os poemas de Celso Emilio», detallou na presentación.

Lires explicou que, non obstante, encontrou un modo de ir conectando co libro «desde a parte máis intimista del, desde ese nostalxia coa que o escritor busca a infancia, o paraíso perdido». A ilustradora sinalou na presentación da obra que, desde os poemas máis íntimos, foi entrando noutros, aínda que «resultaron máis difícil de ilustrar».