A Agadic propón un cambio de modelo nas axudas a festivais

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Introducirá a finais de mes un sistema de avaliación para fixar as contías

08 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) pretende introducir este ano un cambio de modelo no procedemento de adxudicación de axudas aos festivais de música e artes escénicas. O cambio tería como principal argumento introducir a concorrencia competitiva nas axudas para que os festivais que aspiren a axudas respondan a un baremo determinado. Os festivais están a favor do modelo, pero non da súa posta en marcha a estas alturas do exercicio.

Juan Carlos Fernández Fasero sinalou onte que o novo modelo aínda non está pechado, pero que «foi falado cos festivais». O anuncio definitivo da convocatoria de axudas será realizado a finais deste mesmo mes, pero o director da Agadic explicou algunhas das liñas fundamentais que os certames deberán cumprir para poder contar con estas axudas.

Nos criterios contará cal é o orzamento definitivo da cita, que parte do cartel está protagonizado por artistas galegos, como se distribúe o presuposto do festival entre actuacións e produción, os anos de funcionamento e os resultados de público en cada caso. Fasero matizou algúns dos requirimentos do novo sistema. A Agadic é partidaria de que os festivais cobren entrada, aínda que o novo sistema admitirá que haxa funcións de pago e outras de balde.

Tamén sinalou que, no reparto de gastos, a cifra de referencia sería un 33 % do total para os cachés artísticos e outro 66 % destinado á produción do evento, publicidade e outros gastos. Neste sentido, e segundo o director da Agadic, búscase unha estabilidade e unha continuidade nos festivais. Non se considerarán como tales aqueles que «duren un só día ou que só inclúan dous concertos, porque esas citas non o son».

Fasero tamén indicou que Galicia «é rica no número de festivais» e que ten un calendario case permanente de convocatorias de todo tipo. Explicou que as liñas principais deste novo sistema foron faladas cos certames galegos. Desde a Asociación de Festivais Galegos, está pendente unha resposta á proposta da Agadic. Segundo Fasero, a cantidade total prevista para esta convocatoria neste 2012 é de 360.000 euros. O director da Agadic explicou que haberá un máximo de axuda de 50.000 euros por cada festival. O sistema considera por igual aos festivais de música e aos de artes escénicas e non establece a priori unha partida concreta para cada un dos xéneros, aínda que podería ser metade para cada caso, pero cambiar en función das necesidades.

Concorrencia competitiva

Este modelo de baremo e reparto das axudas establece previamente os requisitos que os aspirantes deberán cumprir para acceder a elas. Despois de presentadas as axudas, a Agadic valorará cada petición e se adxudicarán as cuantías que mellor cumpran co establecido na convocatoria, de xeito que a maior cumprimento maior cuantía da axuda.

Os festivais galegos son partidarios de seguir este modelo, tal como se está utilizando noutras comunidades autónomas para as axudas institucionais a festivais de todo tipo. De feito, este sistema foi solicitado por eles pouco despois de pór en marcha, hai dous anos, o colectivo no que se agrupan as principais citas escénicas de Galicia.