A viúva do escritor prosegue os seus proxectos dende unha fundación
08 mar 2012 . Actualizado a las 10:11 h.Dende a Fundación Carlos Casares, Kristina Berg trata de manter vivo o espírito conciliador que amosou durante a súa vida o seu marido, así como difundir o seu legado literario.
-¿Que significaba para Casares o seu artigo diario en La Voz de Galicia?
-Segundo os días. Tiña que entregar o artigo antes das dez da noite e se xa cedo conseguía un tema pasábao ben, incluso se divertía escribindo. Pero houbo días nos que ata as nove da noite non había tema, e entón pasábao mal.
-¿E o comentaba?
-Si, dicíame se o podía axudar. Eu, ás veces, incluso lía xornais suecos para ver se podía axudalo. Cando el aceptou facer a columna diaria, despois de pensalo moito, dixéronlle que ao mellor sería bo que adiantase algúns artigos por se algún día andaba apurado. El dixo que non, e non o fixo nunca. El comprometeuse a facer un artigo diario e consideraba que tiña que ser fresco. Carlos era home de palabra.
-¿Que foi do gato «Samuel»?
-Sobreviviu a Carlos, pero un verán, que eu estaba en Suecia, os veciños atoparon o gato morto fóra da casa, atropelado por un coche. Nunha rúa sen saída. Non se explica.
-Alén a faciana literaria, Casares representou sempre un papel conciliador na Galicia do cambio de século. ¿Está de acordo?
-Si, o seu falecemento, que foi unha sorpresa porque se coidaba moito e non tiña ningunha enfermidade, impediu que culminase algúns proxectos. Por iso nós, dende a fundación, pensamos que tiñamos que seguir o seu traballo. Eu moitas veces pensei que Carlos se dedicaba máis ao traballo pola cultura galega e por tender pontes entre diferentes posturas que ao seu labor literario.
-¿El tamén tiña esa percepción?
-Si.
-A partir deste ano, xa está aberta a posibilidade de que se lle dedique o Día das Letras Galegas. ¿Que pensa?
-Iso é unha cousa da Real Academia Galega. Segundo os seus estatutos, a persoa a quen se lle dedica o día ten que ser relevante e pasar dez anos dende o seu falecemento. É o que sei.
-Relevante si era, e xa se cumpriron dez anos.
-Si, pero é cousa da Academia.
-¿Está publicado todo o material literario de Casares?
-A fundación está catalogando todo. Se hai cousas inéditas non o sei, é posible. Carlos era moi autocrítico e traballaba moito os seus textos. Para rematar un folio, escribía dez ou vinte. Se houbese algo inédito é moi posible que el non quixera editalo.
-¿Era un bo narrador oral?
-Estupendo. Durante os trinta anos de matrimonio, imaxina que en ceas, tertulias, etcétera, é posible que eu teña escoitado moitas veces unha historia contada por el, con máis ou menos o mesmo contido, pero sempre resultaba fascinante porque a súa maneira de narrar te prendía. Nunca coñecín a unha persoa que soubese contar tan ben como Carlos. El non era unha persoa que quixese figurar ou chamar a atención, nin moito menos, incluso era tímido, pero se alguén lle tiraba da lingua, el contaba, e a xente quedaba encantada.
-¿Que idea lle gustaría que quedara nos galegos de Casares?
-Teño coñecido nenos que non coincidiron con Carlos, pero que agora len os seus libros e falan del con moito cariño. Eu non podo desexar máis porque é moi bonito que se me achegue xente que eu non coñezo e me diga cousas boas del. ¡Que máis podes pedir!
kristina berg presidenta da fundación carlos casares
«Comprometeuse a facer un artigo diario en La Voz e tiña que ser fresco. Tiña palabra»