«A verdade fala calquera lingua, galego ou inglés»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A súa versión de «A esmorga» preséntase hoxe en Cardiff

30 mar 2012 . Actualizado a las 07:05 h.

Cibrán, o Bocas e o Milhomes falan inglés. Hoxe preséntase en Cardiff On a Bender, a tradución de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, por Craig Patterson, profesor desta universidade e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos.

-¿Como xurdiu esta versión?

-En xaneiro do 2009, cando a Deputación de Ourense e o PEN Club de Galicia me ofreceron a posibilidade de producir a primeira tradución da obra, non puiden rexeitar a proposta. Púxenme en contacto con Galaxia e Planet, a editorial galesa que xa publicara a Castelao, Ferrín e Casares, e que ten un longo compromiso coa cultura galega.

-¿Que peculiaridades atopou no proceso de tradución?

-No tocante ao estilo, o desafío de pasar polo espello do inglés a fala mesta dun paisano ourensán (Cibrán) que de cando en cando amosa un talante poético, lírico e creador, cando non pretende subir de rexistro lingüístico. O léxico foi dos máis difíciles que atopei no galego, sobre todo dous termos, follateira, que me levou a toda unha búsqueda de detective, e fóra a ialma, que mesmo para moitos galegos resulta raro.

-«A esmorga» é unha historia local e universal a un tempo.

-Si, a novela plasma unha galeguidade inequívoca, unha cosmovisión retranqueira dos personaxes principais que revela unha tendencia a gustar da vida malia as dificultades e do moito que nos choiva. A súa gran universalidade consiste na relación que plasma entre o convencional e o marxinal, entre a conformidade e sermos fieis a nós mesmos. Hoxe, cando nos derruban décadas de progreso de benestar e mobilidade social, cando os banqueiros se enriquecen mentres sobe o paro, lembrámonos da necesidade de desafiar e mesmo negar os discursos que nos tiran encima. A gran verdade universal da novela é esta: xuntos, resistimos; divididos, caemos. E a verdade fala calquera idioma, sexa galego ou inglés.

-¿Como vai a súa tradución de «Sempre en Galiza»?

-En comparación con A esmorga, Sempre en Galiza non impón moitas dificultades lingüísticas. Non estou lonxe do remate, pero hai que ter en conta que, sendo profesor titular, o sistema universitario británico e as súas avaliacións non favorecen ese tipo de proxecto, aínda cando se trata dunha edición crítica. É máis, a retirada do apoio económico da Fundación Castelao por razóns nada claras tampouco favorece o remate do proxecto. Pero vou rematar. E ese día si que vai haber unha esmorga de verdade.