Emotivo homenaxe a Bernardino Graña co lema «Medre o mar!»

R. García REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«É unha aperta atlántica ao gran poeta», dixeron os organizadores

02 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«Hoxe o noso grande poeta do mar é, ó meu xuízo, Bernardino Graña. Para atopar entre nós outro poeta do mar da súa categoría habería que remontarse a Manuel Antonio». Palabras de Manuel María que lembraba Xacobe Meléndrez, de Arteu, un dos colectivos organizadores da homenaxe que recibiu onte na Coruña Bernardino Graña. Foi unha longa e emotiva xornada, celebrada baixo o lema contido nun dos seus poemas, «Medre o mar!», que empezaba as once da mañá arredor dos menhires de Manolo Paz. Alí, un grupo de artistas plásticos foron dando vida a unha serie de obras (cadros, esculturas, debuxos...) que pola tarde eran expostas no patio do rectorado da universidade, outra das entidades colaboradoras dos organizadores: a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A soleada xornada matinal, seguía coas lecturas dramatizadas que fixeron Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.

A primeira hora da tarde máis de cen persoas navegaban na compaña do poeta de Cangas. Anxo Angueira, que foi alumno de Bernardino, e Xabier Docampo, «que trae os versos de terra a dentro», puxeron palabras na travesía. Luís Dopico foi dando conta dos nomes dos lugares da terra e do mar.

Cando desembarcaron, unha marcha gaiteira levou a comitiva ata o Paraninfo da Universidade donde se foron alternando, presentadas por Xurxo Souto, as declaracións gravadas que aparecían na pantalla, cos poemas recitados por unha ducia de poetas.