O CDG estrea nova etapa cunha reflexión sobre o poder

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

«O profesional» está ambientada na Iugoslavia despois de Tito

02 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A primeira montaxe do Centro Dramático Galego na súa nova etapa está marcada polas circunstancias. Pola necesidade de estrear «en tempo e forma» e pola necesidade de axeitarse a un presuposto necesariamente curto. O director do CDG, Manuel Guede, decidiu que para cumprir con todas obrigas e, ademais, non faltar á época que toca vivir, o posible era montar O profesional, unha obra que xa dirixira en Portugal e da que, coa colaboración do Teatro Circo de Braga, se aproveita parte da produción.

Hai outra circunstancia que suma, segundo o director, oportunidade á estrea: «Cúmprense agora vinte anos do inicio da guerra nos Balcáns». Guede define o texto seleccionado como «unha obra sobre o poder, neste caso sobre unha ditadura».

A historia que o vindeiro venres estreará o CDG no Salón Teatro de Santiago, escrita por Dusan Kovacevic, é un texto que «é necesario salvar», segundo o director do Centro e que «só se pode salvar grazas á musculatura de dous grandes actores, Ernesto Chao e Miguel Pernas, xunto con Rebeca Montero e Rodrigo Roel».

Miguel Pernas asegura que é «unha historia inquietante». «É como se ao teu lugar de traballo chegase alguén que sabe máis da túa vida que ti mesmo», describe. Pernas interpreta a un intelectual e quen se lle presenta un día coa súa vida completa en catro volumes de informes é o personaxe de Ernesto Chao, «un policía que traballou para o estado de Tito e que agora está sen traballo». Hai un encontro entre os dous porque o policía tivo como misión durante boa parte da súa vida ser a sombra do escritor e «sabe todo o que fixo durante 18 anos».

Para Ernesto Chao e Miguel Pernas, a montaxe é un reencontro, posto que o primeiro levaba 14 anos sen traballar para o Centro e o segundo eran sete sen pasar polas producións institucionais. O retorno, aseguran, foi arduo porque o tempo de ensaios reduciuse á metade, pasando dos dous meses habituais a un nesta produción.