Manuel Rivas: «Necesitaba facer este libro e fíxeno coma se fose o último»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

GUSTAVO RIVAS

Na obra están «as voces que poden contar a historia a rentes do chan»

19 oct 2012 . Actualizado a las 00:20 h.

Volve Rivas. Unha voz alta nas letras galegas cunha novela que chama As voces baixas (Xerais) «e non porque os que falen sexan baixos», ironizaba onte. No libro está o seu primeiro medo: «Parvos! -dixo a nai-. Eran os dous xigantes cabezudos. Isabel e Fernando. Os Reis Católicos», escribe. El, con dous anos, e a súa irmá, con tres, pecháronse ao ver os cabezudos. A escola, os xogos, o Entroido dos veciños de Elviña con Franco como Meco, os partidos de fútbol entre mulleres, o frío das misas «onde falaban da arca de Noé, do diluvio, da pomba que volvía e do corvo que non dicía nada pero estaba alí cando saiamos da misa». Son «as voces que poden contar a historia a rentes do chan». Un libro que «é unha mestura de humor e de dor, de ironía e ao mesmo tempo de mágoa».

-¿É o retrato dunha época?

-É unha memoria individual e unha memoria colectiva. É un retrato dunha época, pero non dende unha vontade totalizadora histórica. Aparece unha atmosfera do que era o medo. Hai un capítulo do Entroido que se chama O primeiro enterro de Franco que é cando unha comparsa de Elviña, o Meco que van tirar o río Monelos é Franco. Está retratada non só a materia pesada da historia, tal e como nola contaban na escola, está a outra historia que oías como neno na condición de espía dos adultos. O que non se pode dicir, o que non se pode contar. Nesa fase, que oín moitísimo, non hai un tratado político pero di moito da política da época. Tamén está contada esa vida alternativa, esa capacidade da xente para ter espazos de reexistencia nos que eran quen de protexer o hábitat da festa, da solidariedade, iso aparece moito: os partidos de fútbol entre as mulleres, nos anos 60, que era poñer o mundo ao revés. Hai moitas claves da época que non se encontran nos libros de historia, atópanse nas voces baixas, que poden contar a historia desde o ras, a rentes do chan. A este libro, se tivese que buscarlle un equivalente pictórico, serían as espigadeiras de Millet, que van buscando os grans, os grans da historia.

-¿Haberá máis entregas?

-Comecei con moita excitación, pero despois empezaron as costas da vida. Escribino coma se fose o último libro, aínda que soa así, un pouco lapidario. Penso que haberá outros libros, pero deste tipo non.